Novas

A APLU eleva a 78 o número de concellos que lle delegan as súas competencias en materia urbanística

13 de Maio de 2019

Bergondo, Noia, Ribadeo, Sanxenxo, Foz e O Bolo, últimos municipios en adherirse á Axencia

Bergondo, Noia e Ribadeo son os tres últimos concellos que formalizaron a súa solicitude de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e se suman a Sanxenxo, Foz e O Bolo que se uniron no primeiro trimestre do ano; polo que xa son 78 os municipios que confían voluntariamente as súas competencias en materia urbanística na Axencia.

Con estas tres novas adhesións, o número total de concellos integrados na APLU elévase a 28 na provincia da Coruña, 13 na de Lugo, 23 na de Ourense e 14 na de Pontevedra, tal e como queda reflectido na información relativa a municipios adheridos nesta mesma páxina web e que pode ser consultada no seguinte enlace: https://axenciaurbanistica.xunta.gal/gl/concellos/concellos-adheridos

Unha vez asinados os correspondentes convenios de adhesión, a Axencia asumirá –ao igual que no resto de concellos integrados– a inspección, supervisión e reposición da legalidade urbanística en relación coas obras e usos do solo que se executen nos respectivos municipios sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións, en solo rústico, urbanizable se planeamento de desenvolvemento e solo de núcleo rural. Igualmente, velará pola protección da servidume de protección do dominio público marítimo terrestre, ao igual que no resto dos municipios.

Do mesmo xeito, os concellos que se incorporan á APLU beneficiaranse do novo sistema de transferencia por recadación de multas articulado pola Axencia, en virtude do que percibirán o 10 % do importe da recadación de multas e sancións impostas no seus termos municipais, tanto en competencia propia da APLU (solo rústico), como en competencia delegada (solo de núcleo rural ou urbanizable). Nese sentido, cómpre lembrar que ata 2018, a porcentaxe era do 50 % do recadado, pero só en competencia delegada, é dicir, en solo rural ou urbanizable.

Tal e como corresponde ao organismo autonómico –cuxo obxectivo último é velar polo uso racional do solo conforme á normativa urbanística, protexendo deste xeito o patrimonio medioambiental e paisaxístico galego–, a Axencia presta apoio permanente aos concellos, con especial atención a aqueles con poucos medios ou que precisan reforzar o control. Así, ademais das funcións de inspección, supervisión e restablecemento da legalidade, a APLU ofrece ás administracións locais adheridas asistencia técnica e xurídica continua en materia urbanística e, de igual xeito, proporciona formación específica neste ámbito de actuación, favorecendo tamén a concienciación cidadá cara a valores proteccionistas do noso patrimonio natural.