Novas

Ángeles Vázquez destaca que o labor da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia esperta o interese dos homólogos autonómicos

10 de Xuño de 2019
  • A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sinala que a actividade e función de control e disciplina da Axencia é un referente para outros territorios nacionais, interese que se demostra coa asistencia e participación de expertos e profesionais de distintos puntos da Península ao V Congreso anual da APLU
  • Ángeles Vázquez destaca a calidade desta cita anual que organiza a Axencia, que nesta edición se centra en seis talleres específicos
  • Salienta que o papel da APLU queda referendada polo número de concellos que na última década se adheriron á mesma e polo feito de reducirse o número de multas coercitivas, o que denota un aumento da concienciación da poboación

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que o sistema de traballo da entidade de control e vixilancia sobre o urbanismo e a disciplina urbanística en Galicia, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), esperta o interese por parte dos departamentos de urbanismo doutras administracións autonómicas.

A conselleira inaugurou esta mañá a V edición do Congreso anual da APLU sobre urbanismo e disciplina urbanística, unha cita que xera interese por parte de profesionais e especialistas procedentes de distintos puntos da península, como Madrid, Baleares, Canarias, A Rioxa, Andalucía, Valencia e Cataluña. É un evento no que non só se pon de manifesto o traballo que desenvolve a APLU, senón que tamén se abordan tema que son do máximo interese para as administracións e colectivos profesionais, indicou a conselleira.

Ao longo das vindeiras tres xornadas de traballo, preto de 400 persoas, intercambiarán opinións e puntos de vista sobre os retos que presenta o urbanismo, como a incorporación das políticas de vivenda e xénero no urbanismo, os obxectivos de desenvolvemento sostible 2030 nas axendas urbanas, a mediación como instrumento para a execución de sentenzas urbanísticas, a mobilidade como eixe de desenvolvemento urbano sostible ou as próximas medidas lexislativas para reforzar a seguridade xurídica dos plans de urbanismo.

Para conseguir definir unha resposta a estes retos de futuro, celebraranse seis talleres participativos, para abordar cuestións de interese como: os novos modelos urbanos, os contidos do planeamento urbanístico, os aspectos rexistrais do urbanismo, o control xudicial dos actos urbanísticos e o despoboamento rural.

Un esforzo no marco normativo

A conselleira de Medio Ambiente argumentou que na última década a Administración galega fixo un esforzo sen precedentes para definir e elaborar un novo marco normativo que de resposta a tres obxectivos fundamentais: a protección da paisaxe, o desenvolvemento rural e que todos os concellos galegos conten con Pxom; un reto no que se avanza día a día, xa que hoxe xa máis de 100 concellos teñen o seu formulamento vixente á lei, Galicia conta cun Plan Básico Autonómico e en 2019 estarán os primeiros plans básicos municipais.

Salientou que o marco normativo en Galicia é hoxe máis moderno, acorde á realidade existente e cunha tramitación máis sinxela. Salientou que este cambio se iniciou coa Lei do solo de Galicia e acadará outro fito importante este mesmo ano, coa remisión ao Parlamento de Galicia a nova Lei de Ordenación do Territorio.

Ángeles Vázquez recoñeceu que a APLU ten xogado, e xoga, un papel fundamental á hora de concienciar á sociedade en xeral na necesidade de coidar o territorio; non só polo feito de que na última década 60 novos concellos “de todas as cores políticas” se adheriron á APLU, xa que é un instrumento eficaz para o control da disciplina urbanística; senón tamén porque propiciou a concienciación da poboación galega, tal e como demostra a redución das multas coercitivas en 2018 ou o feito de que un 94% das demolicións efectuadas foron realizadas polos particulares.