Novas

APLU e Proxecto Terra poñen en marcha nos centros de ensino un programa lúdico-educativo para nenos e nenas sobre a protección do medio, a paisaxe e o territorio

25 de Setembro de 2019
  • Os centros que o desexen poden solicitar ata o próximo 10 de outubro a súa participación no proxecto, cuxas actividades están adaptadas a todas as etapas educativas e aos correspondentes currículos

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e o Proxecto Terra acaban de poñer en marcha un proxecto lúdico-educativo para nenos e nenas co obxectivo de sensibilizar, concienciar e formar aos máis pequenos na protección do medio, a paisaxe e o uso responsable e sustentable do territorio. As actividades incluídas no programa están adaptadas ás diferentes etapas educativas (infantil, primaria e secundaria) e desenvolveranse ao longo do presente curso lectivo 2019/2020 nos centros educativos galegos que desexen participar e así o soliciten antes do próximo 10 de outubro.

O proxecto, denominado “Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do Territorio. Coida do Teu”, nace pois co obxectivo de promover o coñecemento do territorio, dos elementos que o compoñen, do contorno próximo e da súa paisaxe, trasladando a nenas e nenos o valor de coidar o territorio, un territorio que é de todas e de todos.

Conscientes de que comprender a complexidade da paisaxe e do contorno resulta fundamental para que as sociedades actual e futura realicen un uso sustentable do territorio, APLU e Proxecto Terra queren contribuír con este proxecto a mellorar o coñecemento sobre os espazos que habitamos e sobre a identidade territorial galega, promovendo dende as idades máis temperás a toma de consciencia sobre a necesaria implicación de todas e todos na construción, protección e posta en valor do noso territorio e da nosa paisaxe.

Así pois, nesta primeira edición do proxecto desenvolverase un conxunto de actividades tanto nos propios centros educativos como no contorno dos mesmos, así como un último bloque de actividades complementarias no que poderá participar voluntariamente o alumnado dos grupos que teñan participado nas realizadas previamente nos centros educativos. Os centros interesados poderán acceder ao programa completo e a toda a información sobre o proxecto dirixíndose ao enderezo electrónico proxectoterra.aplu@xunta.es ou a través do teléfono 881 999 371.

Aberta a inscrición dos centros educativos

As actividades distribuiranse proporcionalmente ao longo dos meses de outubro, novembro, decembro, xaneiro, febreiro, marzo e xuño do actual curso lectivo e os centros interesados en participar no proxecto poderán solicitalo a través do formulario habilitado para inscricións antes do próximo 10 de outubro. Nesta primeira edición do programa están previstas inicialmente 30 prazas, polo que as solicitudes que excedan deste número quedarán en lista de espera.

Cada centro poderá participar en cantas actividades desexe e, dado que cada sesión corresponde cunha mañá entre as 10,00 e as 14,00 h, poderá solicitar varias actividades nesa mesma xornada. Todas as actividades, que terán unha duración individual aproximada de 50 minutos, están adaptadas aos niveis educativos das e dos participantes, tendo en conta os temas e materias reflectidas no currículo educativo correspondente. O horario de inicio e fin de cada actividade será concretado con cada centro cando sexa adxudicada a data concreta de realización, que tamén será definida de acordo co centro dentro dos meses de preferencia indicados na súa inscrición, en función da dispoñibilidade existente.