Novas

A APLU, modelo de referencia na creación dos organismos de protección da legalidade urbanística da Comunidade Valenciana e A Rioxa

26 de Marzo de 2019

O director da Axencia expón a experiencia galega tamén en Estremadura, no marco do simposio sobre a nova Lei de Ordenación Territorial e Urbanística Sostible desta comunidade autónoma

A satisfactoria experiencia da APLU nos seus dez anos de andaina como instrumento eficaz para o control da disciplina urbanística e a protección do territorio en Galicia converteron á axencia galega en modelo de referencia para a creación dos futuros organismos autonómicos de protección da legalidade urbanística na Comunidade Valenciana e A Rioxa.

O modelo de xestión da APLU -como ente organizativo de colaboración da Xunta de Galicia e os concellos da comunidade autónoma- serviu como referencia a estas dúas comunidades autónomas para a creación de organismos homólogos, cuxo cometido fundamental será tamén o de velar polo cumprimento da lexislación urbanística vixente nos seus respectivos territorios, proporcionando apoio aos municipios en materia de disciplina urbanística.

A axencia galega prestou a súa colaboración a ámbalas dúas comunidades autónomas durante o proceso de estudo e análise previos á creación dos seus respectivos instrumentos de protección da legalidade urbanística que, no caso da Rioxa, plasmouse finalmente na recente Lei 3/2019, de 18 de marzo (que modifica a lei autonómica de Ordenación do Territorio e Urbanismo de 2006), mediante a que se prevé a creación dun Consorcio para a Protección da Legalidade Urbanística da Rioxa que poderá asumir as competencias en materia de protección da legalidade urbanística, réxime sancionador e inspección urbanística nesta comunidade autónoma.

A nova norma rioxana recolle que a concepción e finalidade deste consorcio non é unha novidade lexislativa no ordenamento xurídico e cita, xunto a Canarias e Baleares, a Galicia como referencia na posta en marcha dunha entidade de similar natureza (a APLU), cuxo funcionamento máis que satisfactorio logo dos seus primeiros anos de exercicio supuxo un gran avance en materia de disciplina urbanística, polo que considera que a creación dun consorcio rioxano similar pode supoñer o instrumento definitivo para consolidar a aplicabilidade, cumprimento e eficacia da normativa urbanística e de ordenación do territorio nesta comunidade autónoma.

De igual xeito, a Comunidade Valenciana incorporou o pasado mes de febreiro no seu marco normativo (tamén mediante modificación lexislativa da súa Lei de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Paisaxe, neste caso de 2014), a creación da Axencia Valenciana de Protección do Territorio para o exercicio das competencias autonómicas en materia de disciplina urbanística e que, ao igual que no caso da APLU, contempla a posibilidade de que os concellos atribúan as súas competencias propias en materia de disciplina urbanística sobre solo non urbanizable á axencia, mediante adhesión á mesma.

A experiencia galega, tamén en Estremadura

A axencia galega tamén mantén unha estreita colaboración coa comunidade autónoma de Estremadura, que o pasado mes de decembro aprobou a súa Lei de Ordenación Territorial e Urbanística Sostible (Lotus). Precisamente neste marco de colaboración institucional, o director da APLU, José Antonio Cerdeira, participou no Simposio sobre a Lotus celebrado hoxe en Mérida, cun relatorio no que analizou en profundidade a experiencia da axencia dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda como instrumento pioneiro de protección da legalidade urbanística.

Así, José Antonio Cerdeira abordou o modelo organizativo e competencial da APLU, subliñando o carácter colaborativo entre administración autonómica e administración municipal do organismo galego, en aras do obxectivo común dunha utilización racional do solo conforme á normativa vixente en materia de urbanismo e ordenación do territorio e do litoral.

O director da APLU analizou as principais competencias delegadas polos concellos e os beneficios obtidos por estes ao adherirse á axencia, entre os que citou o ingreso do 10 % do importe da recadación por sancións impostas no termo municipal, tanto en competencia propia da APLU (solo rústico) como en competencia delegada (solo de núcleo rural ou urbanizable).

Cerdeira tamén repasou as principais magnitudes de territorio recuperado en Galicia grazas ás accións de reposición da legalidade urbanística desenvolvidas nos últimos dez anos e explicou outras liñas de actuación realizadas pola axencia en áreas como a de formación, asesoramento técnico e divulgación e concienciación cidadá.