Novas

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística asume as competencias inspectoras e sancionadoras de Cenlle e Boqueixón

4 de Maio de 2021
  • Un total de 91 concellos delegan xa no ente autonómico o control, supervisión e restablecemento da legalidade urbanística nos seus respectivos municipios
  • O Concello de Piñor aumenta as competencias cedidas á APLU para encomendarlle tamén as denuncias por obras e usos do solo feitas sen comunicación previa

 

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) asumirá as competencias en materia de inspección, sanción e restablecemento da legalidade nos concellos de Cenlle e Boqueixón. A súa adhesión formalizouse hoxe coa sinatura de senllos convenios entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vazquez, e os alcaldes de Cenlle, José Manuel Rodríguez, e de Boqueixón, Manuel Fernández. Ademais, o rexedor de Piñor, José Luis González, tamén formalizou esta mañá o acordo para ampliar as actuais funcións da APLU neste municipio.

Con estas dúas novas incorporacións, o organismo autonómico ten asumidas xa as competencias dun total de 91 concellos en toda Galicia (31 na provincia da Coruña, 27 na de Ourense, 18 en Lugo e 15 en Pontevedra).

A integración na Axencia ofrece toda unha serie de beneficios e vantaxes para os municipios. Así, en virtude dos convenios asinados hoxe, Cenlle e Boqueixón delegan as súas competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística relativas a aquelas obras que se executen sen licenza, sempre que estean en solo rústico non urbanizable, en solo urbanizable ou apto mentres non se aprobe o correspondente planeamento, ou en núcleos rurais delimitados no correspondente PXOM.

De igual xeito, a APLU comprométese a transferir aos concellos o 10% do produto das multas coercitivas e das sancións impostas ata un máximo de 30.000 euros anuais e asume como principais funcións a tramitación dos expedientes de reposición así como os sancionadores, a prestación de asistencia técnica e xurídica a todos os municipios adheridos e a formación e sensibilización dos cidadáns na protección do territorio e da paisaxe.

Durante o acto de sinatura, a conselleira subliñou que desde a súa posta en marcha efectiva no ano 2009, a APLU encárgase de velar pola legalidade urbanística e o control das posibles infraccións que se cometan nesta materia, polo que é un ente que está ao servizo dos concellos para garantir a protección do territorio e o respecto á legalidade vixente.

Destacou que o obxectivo do seu departamento é seguir incorporando novos municipios, ao tempo que se incrementa a colaboración cos xa adheridos, poñendo como exemplo o caso de Piñor, un dos primeiros en delegar parte das súas competencias urbanísticas na Xunta e que agora, 12 anos despois, deixa tamén nas súas mans a xestión das denuncias relativas a obras e usos do solo que se executen sen a necesaria comunicación previa.

Tras salientar os bos resultados desta actuación conxunta entre a APLU e as entidades locais en materia urbanística, Ángeles Vázquez puxo como exemplo algúns datos do balance de actividade do organismo durante 2020. Así, referiuse ao descenso nun 39,26% das multas coercitivas impostas neste período ou ao feito de que case 9 de cada 10 reposicións da legalidade urbanística e de costas foron executadas xa por particulares, dous indicadores significativos de que existe unha concienciación social cada vez maior.