Novas

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística priorizará no período 2020-2021 as inspeccións en concellos costeiros, con espazos naturais ou polos que transcorra o Camiño de Santiago

27 de Xullo de 2020
  • O DOG publica hoxe o novo plan de inspección urbanística (PIU) da APLU, que fixa os obxectivos principais e as actuacións que primará o persoal ao seu servizo
  • Os municipios nos que se actuará de oficio escolleranse con criterios obxectivos e unha vez detectadas infraccións, tramitaranse prioritariamente os expedientes que afecten a construcións en execución para evitar deste xeito a súa consumación

 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se lle dá publicidade ao plan de inspección aprobado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para o período 2020-2021.

A finalidade deste documento é determinar os obxectivos principais e as actuacións prioritarias da Axencia, coa finalidade de mellorar a calidade e a eficacia da disciplina urbanística ao servizo da cidadanía e de garantir a obxectividade nas súas actuacións.

Concretamente, neste Plan de inspección urbanística (PIU) regúlanse, entre outras cuestións, as operacións de vixilancia e inspección prestando especial atención aos territorios dos municipios costeiros, daqueles concellos con espazos naturais ou áreas de especial interese paisaxístico, ou daqueles por onde transcorran as rutas dos Camiños de Santiago normativamente delimitados.

Coa aprobación deste novo PIU, o organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda continúa prestando unha especial atención e interese á inspección urbanística como un medio eficaz para prever a ocupación ilegal do solo e evitar a consolidación de construcións fóra de ordenación que deterioran o territorio e a paisaxe.

En concreto, o plan céntrase naquelas actuacións que se realizan de oficio, con independencia das inspeccións complementarias e necesarias para a tramitación dos expedientes xa en curso, así como das denuncias que formulan os concellos, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a propia cidadanía.

Estas inspeccións realízanse por funcionarios da escala de subinspección, en colaboración directa coa administración local correspondente. Ademais, as actuacións céntranse nas competencias atribuídas á Axencia, é dicir, nos usos prohibidos ou suxeitos a autorización autonómica, plan especial, ou sen axustarse ás súas condicións en solo rústico, e actuacións realizadas na zona de servidume do dominio público marítimo terrestre acometidas sen título que as ampare.

No caso de tratarse de concellos adheridos á APLU, estas competencias amplíanse, pasando a inspeccionar tamén os usos suxeitos a intervención municipal, segundo o que se recolla en cada convenio de delegación de competencias.

Plans bianuais e prorrogables

O PIU apróbase polo Consello Executivo da Axencia cunha vixencia bianual, prorrogable de xeito automático por períodos da mesma duración.

Para levar a cabo estas actuacións de inspección, a xefatura do servizo provincial correspondente elabora con carácter trimestral un cadro resumo dos concellos a inspeccionar, seleccionados en base a un criterio obxectivo en función da súa protección paisaxística e poboación.

Unha vez detectadas as infraccións, o PIU establece que deberán tramitarse prioritariamente aqueles expedientes que afecten a edificacións, construcións ou instalacións que estean en curso de execución, coa clara finalidade de reaccionar o antes posible e así evitar a súa consumación.

En aras de potenciar a colaboración coa administración local, tamén se tramitarán como prioritarias as obras denunciadas polos concellos adheridos á APLU.