Novas

O Consello Executivo da APLU toma conta do balance de actividade 2018 da Axencia

10 de Abril de 2019

A memoria anual de actividade xa pode ser consultada nesta web

O Consello Executivo da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), na sesión celebrada o pasado 4 de abril, tomou conta do Balance de Actividade da Axencia no ano 2018. O director da APLU, José Antonio Cerdeira Pérez, expuxo aos membros do órgano colexiado as principais liñas de actuación desenvolvidas ao longo do pasado exercicio e os resultados acadados, destacando a dedicación e profesionalidade coa que o organismo autonómico desenvolve as funcións encomendadas e poñendo en valor o equipo humano que conforma este centro directivo.

Segundo se recolle no balance elevado ao Consello Executivo, que xa está dispoñible no enlace https://axenciaurbanistica.xunta.gal/sites/w_aplur/files/actividadaplu20..., a Axencia continuou intensificando en 2018 a súa labor en defensa do uso racional do solo conforme á normativa vixente en materia de urbanismo e ordenación do territorio e do litoral.

Así, a actividade desenvolvida pola APLU para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego trouxo como consecuencia o ano pasado a reposición da legalidade de 210 obras ilegais, 5 máis que as repostas en 2017. Delas, 109 foron na provincia de Pontevedra, 75 na da Coruña, 16 na de Lugo e 10 na de Ourense. Neste sentido cómpre salientar que o 50% dos expedientes de restablecemento da legalidade abertos en Galicia o pasado exercicio foi grazas ao traballo de inspección realizado pola Axencia.

De igual xeito, o balance 2018 da APLU, da conta dos 116 expedientes remitidos á Fiscalía por un presunto delito contra a ordenación do territorio; do volume total de multas coercitivas impostas na comunidade autónoma (por importe global de 2,44 millóns) e da confirmación das resolucións da Axencia nun 90% das sentenzas ditadas o ano pasado.

Na memoria anual tamén se recolle a labor desenvolvido pola APLU en materia específica de formación, coa celebración, entre outras accións, do IV Congreso sobre Disciplina Urbanística, simposio que xa se consolidou como unha das referencias obrigadas a nivel estatal nesta área de actuación e que na súa edición 2018 alcanzou preto das 400 inscricións.