Novas

A Consellería de Medio Ambiente aproba o borrador do primeiro Plan de Cartografía e Información Xeográfica de Galicia

18 de Novembro de 2019

  • A conselleira Ángeles Vázquez presidiu esta mañá a Comisión de Coordinación que se encargou de elaborar a proposta inicial do documento, que deberá someterse agora aos trámites de informe e consulta pública antes da súa aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta, o próximo ano
  • Subliña a importancia do labor do Instituto de Estudos do Territorio xa que ter unha completa base de datos cartográfica e xeográfica é “clave” para facer unha boa planificación territorial, axilizar trámites administrativos e xerar coñecemento
  • Ángeles Vázquez anuncia que a Xunta traballa nun novo proxecto co Instituto Xeográfico Nacional para sobrevoar e obter ortofotos de toda Galicia en 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de aprobar o borrador do primeiro Plan Galego de Cartografía e Información Xeográfica, paso previo para poder iniciar o trámite de informes e consultas a outros departamentos da Administración autonómica e ás entidades locais, e sometelo despois a un período de información pública.

Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que foi a encargada de presidir a reunión da Comisión de Coordinación de Información Xeográfica e Cartográfica, organismo adscrito ao Instituto de Estudos do Territorio (IET) e que canaliza as distintas actuacións da Xunta relacionadas coa produción, uso e difusión da información xeográfica necesaria para a xestión do territorio.

Coa presentación e aprobación da proposta inicial deste Plan, na que o grupo de traballo da Comisión traballou durante ano e medio, Galicia dá un paso importante para dotarse, por primeira vez, dun documento capaz de ofrecer información única, coordinada e simplificada en materia xeográfica e cartográfica, que permitirá obter un maior e mellor coñecemento da realidade galega. Tendo en conta os trámites pendentes e que o documento definitivo deberá volver a pasar pola Comisión, a previsión que se baralla, segundo dixo a conselleira, é que o Consello da Xunta o aprobe o próximo ano.

Así mesmo, durante a xuntanza os membros da Comisión tamén coñeceron un informe sobre o desenvolvemento en Galicia do Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA), grazas ao cal se obtiveron dun xeito coordinado cos diferentes concellos e coa Xunta imaxes aéreas de alta resolución de Cambre, Carballo, Oleiros, Lugo, Sanxenxo e Pontevedra –no ano 2018- e Ames, Teo, Betanzos e Fene -nos que aínda se está traballando actualmente-.

Segundo lembrou a conselleira, os convenios que se firmaron con todas estas administracións locais posibilitaron brindarlles axuda técnica para poder dispoñer de ortofotos de gran calidade para elaborar os seus planeamentos. E o IET seguirá traballando e avanzando neste proxecto. De feito, Vázquez Mejuto indicou que se está a negociar co Estado co fin de presentar unha nova proposta de actuación de cara ao futuro para levar a cabo, en colaboración co Instituto Xeográfico Nacional, un novo voo para sacar ortofotos de toda Galicia de aquí a 2020.

O obxectivo, incidiu a conselleira, é conseguir que o actual PNOA se mellore e estar en disposición de ofrecer a todos os concellos de Galicia unhas ortofotos de altísima resolución coas que poderán ter a cartografía necesaria para facer os seus planeamentos.

Precisamente, tamén en materia de ordenación urbanística a Comisión analizou os resultados dos traballos de cartografía realizados polo IET ao longo deste ano e que servirán de base para a elaboración dos primeiros plans básicos municipais (PBM). Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta está a redactar o PBM de O Páramo e nestes momentos, hai outros oito concellos que xa o teñen adxudicado.

Por todo iso, a conselleira aproveitou a súa asistencia a esta Comisión para subliñar e poñer en valor a importancia do labor que realiza o Instituto de Estudos do Territorio, xa que, dixo, ter unha completa base de datos cartográfica e xeográfica é “clave e fundamental” para facer unha boa planificación territorial, axilizar trámites administrativos e xerar coñecemento.