Novas

Última semana para formalizar as inscricións nos talleres do V Congreso APLU sobre Disciplina Urbanística

14 de Maio de 2019

O prazo de matrícula para participar nos distintos obradoiros do simposio remata o próximo luns, 20 de maio, data límite tamén para a presentación de comunicacións

O próximo luns, 20 de maio, remata o prazo de inscrición nos distintos talleres do V Congreso APLU sobre Disciplina Urbanística que, baixo o título “Estado do urbanismo e retos para o futuro”, terá lugar os días 10, 11 e 12 de xuño en Santiago de Compostela, proporcionando un ano máis un espazo de reflexión sobre os principais retos e cuestións de actualidade que presenta o noso sistema urbanístico.

Ademais das distintas mesas de análise, das que formará parte un nutrido e prestixioso grupo de especialistas dos distintos ámbitos vinculados ao urbanismo, o foro inclúe este ano seis talleres (2 máis que na edición 2018) nos que as persoas matriculadas no congreso poderán participar de xeito voluntario e nos que se abordarán cuestións de interese específico.

Así, no primeiro dos obradoiros, denominado “Cidade compacta versus cidade difusa. Densidade Apropiada” –coordinado por José Fariña Tojo, catedrático emérito de Urbanismo e Ordenación do Territorio da Universidade Politécnica de Madrid– abordarase a dicotomía entre os distintos modelos de crecemento urbano e de ocupación do territorio e a necesidade de camiñar cara a un cambio de paradigma do que a cidade compacta emerxe como modelo de cidade eficiente, dada a experiencia das últimas décadas nas que se primou un desenvolvemento urbanístico expansivo que trouxo consigo un elevado consumo de solo, un incremento nos custes de prestación de servizos e salientables cambios nos hábitos de mobilidade.

Co título “Actuar sobre a cidade existente. Experiencias prácticas”, o segundo dos talleres partirá da coñecida Lei 8/2013, de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbanas como clara manifestación do lexislador estatal á hora de actuar sobre a cidade xa construída, actuación que, en ocasións, reviste unha complexidade considerable. Deste xeito e baixo a coordinación do arquitecto urbanista Gerardo Roger Fernández, analizarase a adecuación dos tradicionais instrumentos de planeamento e xestión para dar resposta a esta nova modalidade de intervención que xerou certas dúbidas na práctica, abordando a casuística destas actuacións e buscando solucións viables.

“Repensando o planeamento urbanístico. Cal debería ser o seu contido?” é a interrogante sobre a que se reflexionará no taller coordinado por Rafael Fernández Valverde, maxistrado do Tribunal Supremo, e José María Ezquiaga Domínguez, arquitecto e decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid. Ante o debate sobre a crise do planeamento ou o posible esgotamento do actual sistema de planeamento urbanístico, a cuestión sobre a mesa é determinar cal debe ser o camiño a seguir e que contido debería ser esixible nos plans urbanísticos.

A relevancia do Rexistro da Propiedade no tráfico xurídico resulta indiscutible e, neste sentido, a Lei do Solo de 2007 incidiu especialmente na regulación do acceso dos actos de natureza urbanística ao Rexistro. Así pois, cuestións como as parcelacións urbanísticas, as declaracións de obra nova, a inscrición dos actos de disciplina urbanística ou as consecuencias rexistrais derivadas da anulación de plans urbanísticos serán algunhas das cuestións que se tratarán no taller “Aspectos Rexistrais do Urbanismo”, coordinado polo avogado urbanista Gabriel Soria Martínez.

Juan Antonio Hernández Corchete, letrado do Tribunal Constitucional, será o encargado de coordinar o taller “Control Xudicial dos Actos Urbanísticos”. O control da actividade de edificación e uso do solo, o papel da xurisdición contencioso administrativa, a incidencia da nova regulación do recurso de casación ou mesmo, o eventual control que se debe efectuar dende a perspectiva constitucional serán, ante unha intervención crecente da xurisdición contencioso-administrativa no eido urbanístico, algún dos aspectos obxecto de reflexión neste taller.

No último dos obradoiros, “Despoboamento rural: unha visión de conxunto”, coordinado por Andrés Precedo Ledo, catedrático de Xeografía Humana da Universidade de Santiago de Compostela, reflexionarase sobre como frear os importantes desequilibrios territoriais aos que estamos asistindo e os múltiples factores que inflúen nos mesmos, como a importancia da agricultura, a fenda tecnolóxica ou o acceso ao mercado laboral.

Todos os talleres terán lugar o 12 de xuño e neles poderán participar de xeito voluntario un número limitado de asistentes, en función do seu perfil, traxectoria profesional e referencia curricular. As persoas interesadas deberán solicitar a súa inscrición nos distintos obradoiros (un por persoa; en caso de quedar prazas vacantes, poderá permitirse a asistencia a máis dun) ao formalizar a súa matrícula, antes das 15,00 h do próximo luns, 20 de maio, e será a organización a que decida finalmente a súa admisión. Con posterioridade á realización dos talleres, formarase un grupo de traballo cos asistentes profesionais procedentes doutras administracións públicas que voluntariamente queiran participar, coa finalidade de compartir experiencias e xerar sinerxías en materia de disciplina urbanística. A participación neste grupo de traballo tamén se deberá solicitar no momento de realizar a inscrición, de igual xeito antes do 20 de maio no seguinte enlace https://axenciaurbanistica.xunta.gal/gl/congreso-2019

O luns, 20 de maio, é tamén a data límite para a presentación de comunicacións, reservadas ás persoas inscritas previamente no congreso, e que deberán ser enviadas antes das 15,00 h ao enderezo electrónico congreso.aplu@xunta.gal , segundo as normas de presentación dispoñibles no enlace https://axenciaurbanistica.xunta.gal/gl/congreso-2019/comunicacions