Novas

O presidente do Consello Consultivo de Galicia analiza no V Congreso APLU a intervención dos órganos consultivos en materia urbanística

10 de Xuño de 2019

O presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa Pillado, abordou hoxe na conferencia inaugural do V Congreso APLU sobre Disciplina Urbanística a intervención dos órganos consultivos en materia de urbanismo, nun relatorio que abriu a quinta edición do simposio anual organizado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e no que afondou especialmente no papel desempeñado neste ámbito polo supremo órgano consultivo da Xunta de Galicia.

Durante a súa intervención, Costa Pillado revisou os pronunciamentos máis relevantes da institución no eido urbanístico, poñendo en relación a doutrina do Consello coa máis recente xurisprudencia do Tribunal Supremo, e realizou unha aproximación ás competencias que a normativa atribúe ao órgano que preside.

A incidencia dos órganos consultivos en materia urbanística é sobradamente coñecida por todos os profesionais que se dedican a este ámbito. A necesidade de contar cos seus pronunciamentos nos supostos de revisión de oficio ou a esixencia do seu ditame nas reclamacións de responsabilidade patrimonial da Administración son tan só algúns exemplos da súa relevancia. No caso da nosa Comunidade Autónoma entre as súas competencias tamén se atopa especificamente a emisión de ditames facultativos relativos á modificación dos instrumentos de plan urbanístico regulados por lei, cando tiveran por obxecto unha diferente zonificación no uso urbanístico do solo rústico especial, nos espazos libres e nas zonas verdes destinados a dominio público do plan.

A conferencia do presidente do Consello Consultivo de Galicia deu inicio ao V Congreso da APLU que, baixo o lema “Estado do urbanismo e retos para o futuro”, se está a desenvolver en Santiago de Compostela dende esta mañá e ata o mércores, 12 de xuño, coa asistencia de preto de 400 profesionais de toda España e a intervención dun nutrido e reputado grupo de relatores, de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional.

Así pois, a xornada continúa hoxe co análise dos obxectivos de desenvolvemento sostible 2030 nas axendas urbanas, obxectivos entre os que se inclúe a consecución de modelos urbanísticos sostibles e que serán abordados no panel de expertos integrado polo director xeral do Alto Comisionado para a Axenda 2030, Federico Buyolo, e a subdirectora xeral de Política Urbanas do Ministerio de Fomento, Ángela de la Cruz, nunha mesa moderada pola directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, María Cruz Ferreira.

Posteriormente, José Fariña Tojo, catedrático emérito de Urbanismo e Ordenación do Territorio da Universidade Politécnica de Madrid, analizará o concepto de cidade próxima, afondando na necesidade de camiñar cara a novos modelos urbanos.

Mobilidade e políticas de vivenda e xénero, eixos temáticos da sesión de tarde

Xa na sesión de tarde, o congreso organizado pola Axencia dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, abordará tres dos temas máis actuais no ámbito urbanístico e a súa interrelación coas políticas públicas. Así, na primeira mesa da tarde, Julio Tejedor Bielsa, profesor titular de Dereito Administrativo (e acreditado a catedrático) da Universidade de Zaragoza; Judith Gifreu Font, profesora titular de Dereito Administrativo da Universidade Autónoma de Barcelona e directora da Axencia de Vivenda de Cataluña; e Javier Burón Cuadrado, xerente de Vivenda do Concello de Barcelona e do Consorcio da Vivenda da cidade condal, reflexionarán sobre a incorporación das políticas de vivenda á planificación urbanística, nun panel moderado polo arquitecto municipal Ignacio Soto González.

Posteriormente, Julio Pozueta Echávarri, profesor emérito e catedrático de Urbanística e Ordenación do Territorio da Universidade Politécnica de Madrid, e Frederico Moura e Sá, urbanista e profesor da Universidade portuguesa de Aveiro, intercambiarán experiencias sobre a mobilidade como eixo dun desenvolvemento urbano sostible, nun panel conducido por Juan Raposo, profesor titular de Dereito Civil da Universidade da Coruña. A que será a última mesa desta primeira xornada do simposio, moderada por Luis Míguez Macho, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, centrarase no debate existente sobre a incorporación das políticas de xénero ao planeamento urbano e que será abordado por Inés Sánchez de Madariaga, arquitecta, profesora de Urbanismo da Universidade Politécnica de Madrid e recoñecida experta internacional en materia de xénero no urbanismo; Eulalia Elena Moreno, directora xeral de Urbanismo e Ordenación do Territorio da Junta de Extremadura; e César Tolosa Tribiño, maxistrado do Tribunal Supremo.