Novas

O proxecto educativo da APLU e Proxecto Terra para concienciar aos máis pequenos na protección da paisaxe e o territorio arranca hoxe no CEIP Vilar de Barrio

28 de Novembro de 2019
  • O director da APLU, José Antonio Cerdeira, participou na xornada inicial desta primeira edición do programa, que se desenvolverá nunha trintena de centros educativos ao longo da xeografía galega.
  • O proxecto, adaptado non só ás distintas etapas escolares, senón tamén aos diversos contornos paisaxísticos de cada centro, continuará o vindeiro luns no IES A Pingüela, de Monforte de Lemos

O programa lúdico-educativo impulsado polo Proxecto Terra e a APLU nos centros de ensino para promover entre as e os máis pequenos a protección da paisaxe e o territorio comezou hoxe no CEIP Vilar de Barrio do citado concello ourensán, o primeiro da trintena de centros que, ao longo da xeografía galega, participarán nesta primeira edición do proxecto durante o presente curso académico. O director da APLU, José Antonio Cerdeira, presidiu a apertura desta primeira xornada do programa, denominado ““Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do Territorio. Coida do Teu”, co que nenos e nenas de todas as etapas educativas aprenderán xogando a protexer o medio e a paisaxe e a facer un uso responsable e sustentable do territorio. 

Así pois, o proxecto inicia a súa andaina co obxectivo de promover o coñecemento do territorio, dos elementos que o compoñen, do contorno próximo e da súa paisaxe, trasladando aos máis pequenos o valor de coidar o territorio, un territorio que é de todas e de todos. Todas as actividades que se desenvolven co alumnado, e que teñen en conta as materias e os temas reflectidos no currículo educativo correspondente, non só están adaptadas ás diferentes etapas educativas (infantil, primaria e secundaria), senón tamén ao propio contorno de cada centro, achegando deste xeito os contidos á realidade máis inmediata dos escolares e abordando, no conxunto do programa, toda a rica e diversa riqueza paisaxística e territorial galega.

Deste xeito, e sempre partindo dunha presentación audiovisual tamén adaptada segundo as distintas idades, o alumnado que cursa educación infantil traballará cunha metodoloxía eminentemente lúdica (mediante xogos audiovisuais e kinestésicos), con obradoiros de monicreques e actividades manipulativas de traballo en equipo. Pola súa banda, e segundo os distintos niveis escolares, tanto os nenos e nenas de educación primaria (como é o caso do alumnado do CEIP Vilar de Barrio de esta primeira xornada, que cursa 4º e 5º desta etapa académica), como os de educación secundaria abordarán as distintas temáticas combinando o xogo con reflexións, debates conxuntos e traballo en equipo, cunha aproximación ao seu contorno próximo.

Así mesmo e entre outras actividades complementarias, o programa -que se desenvolve na aula con profesionais da APLU en colaboración co profesorado- inclúe un concurso de expresión artística no que poderá participar voluntariamente o alumnado dos grupos que teñan formado parte das actividades realizadas previamente nos centros educativos (como grupo, nos casos de infantil e primaria; e individualmente, no caso de secundaria).

Os alumnos e alumnas de 2º da ESO do IES A Pingüela, de Monforte de Lemos, protagonizarán o próximo luns, 2 de decembro, a seguinte xornada do proxecto que, nesta primeira edición, integrará a 30 centros educativos, se ben, e tendo en conta ademais a alta demanda rexistrada, iranse ampliando paulatinamente a partir do próximo curso lectivo co obxectivo de estender a iniciativa ao maior número de centros posible.