Novas

Pascual Sala, expresidente do Tribunal Constitucional e mediador no caso do edificio Conde de Fenosa da Coruña, analiza mañá no V Congreso APLU a mediación como mecanismo de execución de sentenzas urbanísticas

10 de Xuño de 2019
  • O simposio anual da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística que reúne en Santiago a preto de 400 profesionais de toda España, continúa hoxe coa análise tamén da protección dos terceiros adquirentes de boa fe nos casos de demolicións e anulacións de licenzas urbanísticas
  • Tres das voces máis autorizadas da doutrina administrativa, Ángel Menéndez Rexach, Francisco Javier Jiménez de Cisneros e Luciano Parejo, abordarán as próximas medidas lexislativas encamiñadas a reforzar a seguridade xurídica dos plans urbanísticos
  • Jean-Bernard Auby, un dos especialistas internacionais máis prestixiosos do Dereito Público e o estudo da cidade e o territorio, pechará a segunda xornada do congreso

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2019.- O avogado e expresidente do Tribunal Constitucional, Pascual Sala, participará mañá martes (Auditorio Abanca, 10,00 h) no V Congreso APLU sobre urbanismo e disciplina urbanística para analizar o mecanismo de mediación como alternativa na execución de sentenzas urbanísticas. No panel de expertos que abrirá a segunda xornada do simposio que reúne en Santiago a preto de 400 profesionais de toda España, o expresidente do Constitucional compartirá mesa de análise con Guillermo Ruíz, letrado do Tribunal Supremo, e Juan Antonio Chinchilla, profesor de Dereito Administrativo da Universidade Autónoma de Madrid.

Pascual Sala, que tamén presidiu o Tribunal Supremo e o Consello Xeral do Poder Xudicial e exerceu como mediador no caso da sentenza de demolición do edificio Conde de Fenosa da Coruña, achegará deste xeito a súa autorizada visión sobre unha das cuestións que máis debate está a suscitar actualmente: a dificultade que, en ocasións, supón a execución de sentenzas de orde contencioso-administrativo nos ámbitos urbanístico e medioambiental.

A utilización do instrumento de mediación, mediante a homologación dun acordo entre as partes en litixio -co visto e prace do órgano xurisdicional que ditamina- para aplicar o fallo a satisfacción de todas as partes, abre unha nova vía, non exenta de controversia, para a execución efectiva de sentenzas en materia urbanística, cuestión que será abordada nesta agardada mesa do V Congreso organizado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Logo deste primeiro panel de expertos, o simposio -consolidado xa como referente nacional entre os profesionais do sector e no que están a participar algúns dos especialistas nacionais e internacionais máis recoñecidos en materia de urbanismo e disciplina urbanística- continuará cunha mesa centrada noutro dos grandes temas de actualidade: a protección dos terceiros adquirentes de boa fe nos casos de demolicións e anulacións de licenzas urbanísticas, unha cuestión sobre a que debatirán Eva Desdentado, catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de Alcalá; César Tolosa Tribiño, maxistrado do Tribunal Supremo; e Francisco Antonio Cholbi, doutor en Dereito e tesoureiro do Concello de Benidorm.

Xa na sesión de tarde, tres das voces máis autorizadas da doutrina administrativa en materia urbanística, Ángel Menéndez Rexach (catedrático emérito de Dereito Administrativo da Universidade Autónoma de Madrid), Francisco Javier Jiménez de Cisneros (catedrático de Dereito Administrativo tamén da UAM) e Luciano Parejo (catedrático emérito de Dereito Administrativo da Universidade Carlos III) integrarán outra das mesas máis agardadas deste V congreso da APLU, a que analizará as próximas medidas lexislativas encamiñadas a reforzar a seguridade xurídica dos plans urbanísticos e que se prevé sexan retomadas na lexislatura que agora comeza.

Posteriormente, Jean-Bernard Auby, profesor emérito de Dereito Público de Sciences Po París, especializado no estudo da cidade e o territorio e un dos expertos en Dereito Público máis prestixiosos non só en Francia, senón tamén a nivel internacional, será o encargado de pechar a segunda xornada do simposio cun relatorio centrado na planificación urbano no marco do Dereito Público.