Novas

A APLU publica os relatorios íntegros da edición 2018 do seu congreso sobre Disciplina Urbanística

23 de Maio de 2019

Coincidindo coa celebración os próximos días 10, 11 e 12 de xuño do V Congreso APLU sobre Disciplina Urbanística, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística vén de publicar os relatorios completos da edición 2018 do foro, que xa poden ser consultados, integramente e en formato audiovisual, na sección de Materiais Didácticos desta web ou a través do canal APLU Formación en YouTube.

A Axencia facilita deste xeito a todas as persoas interesadas en afondar neste ámbito de actuación acceso aberto aos contidos técnicos da pasada edición do congreso no que, entre outras cuestións, se abordaron temas como o marco constitucional no que as distintas administracións públicas deben exercer as súas competencias urbanísticas; a interrelación do urbanismo co medio ambiente e, particularmente, o seu papel fronte ao cambio climático; as dificultades prácticas coas que se atopan os operadores urbanísticos na esfera da intervención administrativa, ou a análise das medidas necesarias para adaptarnos aos novos retos.

Así, especialistas de diferentes ámbitos vinculados ao urbanismo achegaron ás distintas temáticas unha perspectiva de conxunto integradora e multidisciplinar, nun simposio que abriu Juan José González Rivas, presidente do Tribunal Constitucional e no que tamén participaron José Juan Suay Rincón, maxistrado do Tribunal Supremo; e os catedráticos de Dereito Administrativo das universidades Complutense e Carlos III de Madrid, Tomás Ramón Fernández e Marcos Vaquer Caballería, respectivamente.

Xunto a eles, nos distintos paneis e mesas de análise interviñeron de igual xeito os tamén catedráticos de Dereito Administrativo Francisco Sosa Wagner e Mercedes Fuertes López (Universidade de León), Luis Martín Rebollo (Universidade de Cantabria), Francisco Javier Sanz Larruga (Universidade da Coruña) e Julio Tejedor Bielsa e Fernando López Ramón (Universidade de Zaragoza); Juan Antonio Xiol Ríos e Juan Antonio Hernández Corchete, maxistrado e letrado, respectivamente, do Tribunal Constitucional; Oriol Nello i Colom, xeógrafo especializado en estudos urbanos e ordenación do territorio; Judith Gifreu i Font, profesora titular de Dereito Administrativo da Universidade Autónoma de Barcelona e Felipe Iglesias González, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade Autónoma de Madrid. Intervencións todas elas que xa poden ser consultadas en aberto a través dos canais de comunicación habilitados pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.