Novas

Balance V Congreso APLU: elevada participación, achega interdisciplinar dos relatores e alto grao de satisfacción dos asistentes

19 de Xullo de 2019

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) vén de pechar o balance da V edición do seu Congreso anual sobre Urbanismo e Disciplina Urbanística celebrado o pasado mes de xuño en Santiago de Compostela e que este ano caracterizouse por unha elevada participación (con máis de 400 profesionais provenientes de todo o territorio nacional), a achega interdisciplinar dos relatores (coa análise e intercambio de experiencias por parte de algúns das e dos expertos máis reputados -non só a nivel nacional, senón tamén internacional- nos distintos ámbitos implicados na actividade urbanística) e un alto grao de satisfacción dos asistentes (como así quedou posto de manifesto nas súas valoracións das distintas mesas de debate, relatorios e talleres que integraron esta nova edición do simposio). Así pois, a Axencia viu cumpridos satisfactoriamente os obxectivos do congreso, convertido un ano máis en referente a nivel nacional como espazo de reflexión conxunta e xerador de sinerxías que contribúa a camiñar cara un desenvolvemento sostible en materia urbanística.

Baixo o lema “Estado do Urbanismo e Retos para o Futuro”, este V Congreso APLU -que tivo lugar durante tres intensas xornadas de traballo os pasados 10, 11 e 12 de xuño- estruturouse en catro áreas temáticas que foron complementadas co desenvolvemento de seis talleres específicos e un grupo de traballo integrado. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presidiu a inauguración do simposio, na que destacou o papel fundamental desenvolvido pola APLU á hora de concienciar á sociedade sobre a necesidade de coidar o territorio, subliñando o incremento de municipios adheridos á Axencia nos últimos anos.

Durante o acto, a titular do departamento autonómico estivo acompañada polo director da APLU, José Antonio Cerdeira, e o presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa Pillado, quen foi o encargado de pronunciar a conferencia que abriu o congreso e na que abordou a intervención dos órganos consultivos en materia urbanística, prestando especial atención aos pronunciamentos do Consello Consultivo galego e a súa relación coa máis recente xurisprudencia do Tribunal Supremo.

Cara un novo modelo urbano

No primeiro bloque temático do congreso, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia, María Cruz Ferreira, moderou a mesa de debate centrada na análise dos obxectivos de desenvolvemento sostible 2030 e as Axendas Urbanas, coa participación do director xeral do Alto Comisionado para a Axenda 2030, Federico Buyolo, e da subdirectora xeral de Políticas Urbanas do Ministerio de Fomento, Ángela de la Cruz. Así pois, neste panel plasmouse a visión de conxunto do Alto Comisionado, encargado da coordinación de actuacións para o cumprimento da Axenda 2030 da Organización das Nacións Unidas, así como a concreción destas actuacións no noso país a través da Axenda Urbana Española, documento orientativo para guiar políticas urbanas sostibles en consonancia coas recomendacións de Nacións Unidas e que foi aprobada o pasado mes de febreiro.

A continuación, o catedrático emérito de Urbanismo e Ordenación do Territorio da Universidade Politécnica de Madrid, José Fariña Tojo, abordou a necesidade de camiñar cara á denominada cidade próxima. Ante o interrogante formulado no propio título do seu relatorio, esa “cidade próxima, é utopía ou realidade?”, a súa posición é contundente: “realidade, unha realidade ineludible”. A esta conclusión chegou o prestixioso experto nunha brillante exposición na que analizou distintos aspectos críticos das nosas cidades actuais, entre eles, a mobilidade, a necesidade de reducir o consumo enerxético, a deficiente xestión da auga ou a cantidade de residuos xerados.

Urbanismo e políticas públicas: vivenda, mobilidade e xénero

Resultaría imposible analizar cuestións de actualidade no ámbito do urbanismo sen considerar a incidencia das distintas políticas públicas despregadas sobre o territorio en aplicación da correspondente lexislación sectorial polo que, pola súa relevancia e notoriedade en múltiples debates, a dirección académica do congreso decidiu centrar o debate nesta edición sobre as políticas de vivenda, mobilidade e xénero.

Así pois, a incorporación das políticas de vivenda á planificación urbanística foi debatida por Julio Tejedor Bielsa, profesor titular (acreditado a catedrático) de Dereito Administrativo da Universidade de Zaragoza; Judith Gifreu Font, profesora titular de Dereito Administrativo da Universidade Autónoma de Barcelona e na actualidade directora da Axencia de Vivenda de Cataluña; e Javier Burón Cuadrado, xerente de Vivenda do Concello de Barcelona e do Consorcio de Vivenda de Barcelona. Nun panel no que todos os especialistas compartiron a necesidade de impulsar as políticas públicas de vivenda e puxeron de manifesto as restricións orzamentarias que afectan a estas políticas, abordáronse tamén cuestións como a necesidade de ampliar o parque público de vivenda ou a “turistificación”, a xentrificación ou o envellecemento da poboación.

Na seguinte mesa de análise, Julio Pozueta Echavarri, catedrático emérito de Urbanística da Universidade Politécnica de Madrid, e Frederico Moura e Sá, arquitecto e profesor na Universidade de Aveiro, analizaron a mobilidade como eixe do desenvolvemento urbano sostible. En palabras de Julio Pozueta, o cambio na mobilidade ten que ser un dos eixos principais do desenvolvemento urbano sostible, sendo necesario cambiar a orientación das cidades ao vehículo privado e orientar a mobilidade ao transporte público e aos peóns. Neste sentido incidiu en que a clave da mobilidade reside no planeamento urbanístico, tendo en conta que este fixa a demanda de mobilidade no espazo. Pola súa banda, Frederico Moura recalcou na súa intervención que a planificación do territorio e da mobilidade deben acometerse como unha tarefa única. O especialista luso puxo o acento na necesidade de recuperar o espazo público e lograr a súa maior humanización, para o que, ao seu xuízo, é imprescindible a implicación da cidadanía.

A última das políticas públicas analizadas no V Congreso APLU foi a política de igualdade, xerando un debate coa finalidade de dar resposta ao interrogante de se deben as políticas de xénero integrarse no urbanismo. Este panel de expertos, moderado por Luis Míguez Macho, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, estivo protagonizado por César Tolosa Tribiño, maxistrado do Tribunal Supremo e relator da recente sentenza de ditada en relación con esta materia e a súa afectación á nulidade do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Boadilla del Monte; Inés Sánchez de Madariaga, directora da Cátedra UNESCO de Xénero e profesora titular de Urbanismo da Universidade Politécnica de Madrid; e Eulalia Elena Moreno de Acevedo, directora xeral de Urbanismo e Ordenación do Territorio da Junta de Estremadura, comunidade autónoma que na súa recente Lei 11/2018, de 21 de decembro, de ordenación territorial e urbanística sostible de Estremadura incorpora, de forma novidosa, medidas concretas sobre a perspectiva de xénero.

Intervención administrativa en materia urbanística

O bloque relativo á intervención administrativa en materia de urbanismo dedicouse nun primeiro panel de expertos á execución de sentenzas urbanísticas e ao debate sobre o papel a desempeñar pola institución da mediación, temática abordada por Pascual Sala, avogado e ex-presidente do Tribunal Supremo, do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Constitucional; Guillermo Ruíz, letrado do Tribunal Supremo e profesor titular de Dereito Administrativo na Universidade Politécnica de Madrid; e por Juan Antonio Chinchilla, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade Autónoma de Madrid.

Na súa intervención, Pascual Sala expuxo a relevancia da mediación como un modelo de solución de conflitos e o impulso dado a esta institución polo propio Consello Xeral do Poder Xudicial, se ben recoñeceu que se fai necesaria unha regulación específica desta materia. O prestixioso xurista tamén advertiu de que a mediación no trámite de execución de sentenzas non pode ser unha escusa para incumprir unha sentenza de orde contencioso-administrativo. Pola súa parte, Guillermo Ruíz analizou minuciosamente as vantaxes e desvantaxes da aplicación desta institución, apoiando a súa argumentación en resolucións xudiciais ditadas polo Tribunal Supremo e recalcou que a aplicación da mediación pode comprometer seriamente a defensa do interese público. Finalmente, o profesor Chinchilla deixou sobre a mesa a reflexión en torno aos riscos da súa utilización como vía para executar o fallo dunha resolución xudicial que ordena a demolición dunha edificación, determinando a mediación o mantemento físico da edificación, e lembrou que, en todo caso, a mediación intraxudicial debe respectar os principios de igualdade na aplicación da lei e de seguridade xurídica. Ao longo do debate resultaron ineludibles tamén as referencias ao auto da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de homologación xudicial dos acordos de mediación alcanzados en relación coa execución da orde de demolición parcial que recaía sobre o Antigo Edificio de Fenosa na Coruña.

A seguinte mesa de análise deste bloque xirou en torno á situación na que se atopan os terceiros adquirentes de boa fe, logo da anulación de licenzas e a necesaria demolición da edificación de que se trate, á luz da regulación contida no polémico artigo 108.3 da LXCA. Este panel de expertos, moderado polo profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo, Roberto Bustillo, estivo integrado por Eva Desdentado, catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de Alcalá; César Tolosa Tribiño, maxistrado do Tribunal Supremo; e Francisco Antonio Cholbi, tesoureiro do Concello de Benidorm, que protagonizaron un debate enriquecido polo enfoque académico, a visión da xurisdición contencioso-administrativa e a perspectiva da Administración que se enfronta á execución da sentenza anulatoria dunha licenza e a conseguinte demolición dunha edificación.

Perspectivas futuras

Como xa vén sendo habitual nos congresos organizados pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, o último bloque temático centrouse na análise das perspectivas futuras desde unha mirada propositiva, servíndose para isto de aquelas achegas doutrinais máis relevantes en materia urbanística.

Este V Congreso APLU tivo a honra de poder reunir nunha mesa única a tres mestres do Dereito Administrativo e, particularmente, do Dereito Urbanístico: Ángel Menéndez Rexach, catedrático emérito de Dereito Administrativo da Universidade Autónoma de Madrid; Francisco Javier Jiménez de Cisneros Cid, catedrático de Dereito Administrativo desta mesma Universidade; e Luciano Parejo Alfonso, catedrático emérito de Dereito Administrativo da Universidade Carlos III de Madrid. Baixo o título “Medidas lexislativas para a seguridade xurídica do urbanismo”, neste panel moderado polo catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, Jaime Rodríguez-Arana, abordáronse temas de gran relevancia e actualidade, como as propostas lexislativas ante a problemática crecente da nulidade dos plans urbanísticos, a concepción dos plans como normas ou actos administrativos, a interrelación do medio ambiente e a súa incidencia na planificación urbanística ou a necesidade de establecer límites á acción pública en materia de urbanismo.

A conferencia de peche desta sesión correu a cargo do profesor Jean-Bernard Auby, profesor emérito de Dereito Público da Universidade de Sciencies Po Paris, considerado un dos especialistas de Dereito Público máis prestixiosos, tanto en Francia como no ámbito internacional. Na súa intervención, relativa á cidade e á súa planificación no Dereito Público, o profesor Auby afirmou que a planificación urbana verase cada vez máis influenciada polos requisitos de adaptación ao cambio climático e polo aumento da gobernanza.

Talleres

O simposio organizado pola APLU dedicou a súa última xornada á celebración dos distintos talleres, que este ano se elevaron a seis, fronte aos 4 desenvolvidos na anterior edición. A finalidade foi dar cabida a unha maior participación dos asistentes, posibilitando a súa intervención en foros de debate de reducido tamaño.

Nesta ocasión debatéronse algunhas das cuestións que na actualidade se atopan latentes en relación coa materia urbanística, baixo a coordinación técnica de distintos especialistas: “Cidade compacta versus cidade difusa. Densidade apropiada”, coordinado por José Fariña Tojo, catedrático emérito de Urbanismo e Ordenación do Territorio da Universidade Politécnica de Madrid; “Actuar sobre a cidade existente. Experiencias prácticas” baixo a coordinación do arquitecto e urbanista Gerardo Roger Fernández; “Repensando o planeamento urbanístico. Cal debería ser o seu contido?”, coordinado conxuntamente por Rafael Fernández Valverde, maxistrado do Tribunal Supremo, e José María Ezquiaga Domínguez, arquitecto e profesor titular de Urbanismo na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid; “Aspectos rexistrais do Urbanismo” coordinado por Gabriel Soria Martínez, avogado urbanista; “Control xudicial dos actos administrativos”, baixo a coordinación de Juan Antonio Hernández Corchete, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo e letrado do Tribunal Constitucional; e “Despoboamento rural: unha visión de conxunto”, dirixido polo catedrático emérito de Xeografía Humana da Universidade de Santiago de Compostela, Andrés Precedo Ledo.

Logo da celebración dos talleres deuse paso á reunión dun Grupo de Traballo, coordinado pola dirección da Axencia, na que interviñeron, fundamentalmente, profesionais provenientes de administracións de outras comunidades autónomas e cuxa finalidade foi a posta en común de cuestións de interese en materia de disciplina urbanística, para xerar sinerxías e intercambiar experiencias prácticas en relación á vixilancia, inspección e restauración da legalidade urbanística; grupo de traballo co que se puxo fin ao V Congreso APLU, consolidado xa en referente nacional para os profesionais do ámbito urbanístico.