Novas

Aberto o prazo de inscricións para o V Congreso APLU sobre Disciplina Urbanística

1 de Abril de 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do V Congreso da APLU sobre Disciplina Urbanística que, baixo o título “Estado do urbanismo e retos para o futuro”, reunirá en Santiago de Compostela os próximos 10, 11 e 12 de xuño, a prestixiosos especialistas dos distintos ámbitos vinculados ao urbanismo co obxectivo de analizar, dende unha perspectiva multidisciplinar, o presente e futuro dos novos modelos urbanos, a súa interrelación coas políticas públicas e a intervención administrativa en materia de disciplina urbanística.

Mediante esta convocatoria, ábrese xa o prazo de inscricións para participar no simposio, que poderán ser formalizadas a partir de mañá martes, 2 de abril, ás 09,00 h (e ata as 15,00 h do vindeiro 3 de xuño), no seguinte enlace: https://axenciaurbanistica.xunta.gal/gl/congreso-2019

Tal e como recolle a resolución publicada no DOG, o congreso –dirixido a empregados das administracións públicas, das universidades, persoal das entidades do sector público, xuristas, técnicos, profesionais e persoas interesadas en xeral– proporcionará un espazo de reflexión sobre os principais retos e cuestións de actualidade que presenta o noso sistema urbanístico, os seus problemas, conflitos e posibles solucións. De igual xeito, pretende ofrecer unha visión de conxunto sobre solucións do noso contorno ante os principais retos que presenta a disciplina urbanística; os obxectivos marcados pola APLU; a institución de mediación como unha forma de execución de sentenzas urbanísticas; a incidencia do artigo 108 da Lei de xurisdición contencioso-administrativa e a súa proxección sobre os dereitos adquiridos por terceiros afectados; así como a incorporación de políticas de vivenda e xénero na ordenación urbanística.

Sobre todas estas cuestións (agrupadas sobre catro grandes áreas temáticas: Cara a un novo modelo urbano; Urbanismo e Políticas Públicas; Intervención Administrativa, e Perspectivas para o Futuro), expertos dos ámbitos académico, xudicial e administrativo achegarán as súas experiencias e coñecementos, tentando entre todas e todos propor posibles melloras a adoptar en actuacións futuras de cara á consecución dun urbanismo sustentable. Nesta V edición do Congreso APLU sobre Disciplina Urbanística, cómpre salientar a incorporación de relatores internacionais cun importante recoñecemento no seus respectivos ámbitos de actuación.

A Axencia mantén as novidades incorporadas na edición anterior, introducindo talleres nos que poderá participar un número limitado de asistentes, en función do seu perfil, traxectoria profesional e referencia curricular. Este ano desenvolveranse 6 talleres (fronte aos 4 organizados na edición de 2018) e as persoas interesadas en participar nalgún deles (cada asistente poderá formar parte dun só taller) deberán solicitalo no momento de formalizar a súa matrícula, sendo a organización a que decida finalmente a súa admisión.

Con posterioridade á realización dos talleres, formarase un grupo de traballo cos asistentes profesionais procedentes doutras administracións públicas que voluntariamente queiran participar, coa finalidade de compartir experiencias e xerar sinerxías en materia de disciplina urbanística. A participación neste grupo de traballo tamén se deberá solicitar no momento de realizar a inscrición.

De igual xeito, as persoas previamente inscritas no Congreso poderán presentar unha comunicación por participante que verse sobre temas relacionados co contido do programa.

Tanto as normas para a presentación de comunicacións, como o programa completo con relatorios e talleres, así como toda a información complementaria sobre este V Congreso está xa integramente a disposición das persoas interesadas na sección propia do simposio nesta web: https://axenciaurbanistica.xunta.gal/gl/congreso-2019.