Novas

A densidade das cidades, o despoboamento rural, o planeamento urbanístico, os aspectos rexistrais e o control xudicial dos actos urbanísticos centran os talleres que pechan hoxe o V Congreso APLU

12 de Xuño de 2019

Unha das novidades incluídas no V Congreso APLU sobre Disciplina Urbanística que remata hoxe mércores, 12 de xuño, en Santiago de Compostela é o incremento do número de talleres participativos que se desenvolven habitualmente no marco do simposio. Así pois, e dado o éxito e interese espertado nas edicións anteriores, este ano son seis, dous máis que na edición 2018, os talleres sobre temáticas urbanísticas específicas incorporados ao programa do congreso que, baixo o lema “Estado do urbanismo e retos para o futuro”, se vén desenvolvendo na capital galega dende o luns, coa participación de preto de 400 profesionais de toda España.

Deste xeito, no primeiro dos obradoiros -denominado “Cidade compacta versus cidade difusa. Densidade apropiada” e que será coordinado por José Fariña Tojo, catedrático emérito de Urbanismo e Ordenación do Territorio da Universidade Politécnica de Madrid- abordarase a dicotomía entre os distintos modelos de crecemento urbano e de ocupación do territorio e a necesidade de camiñar cara a un cambio de paradigma do que a cidade compacta emerxe como modelo de cidade eficiente, dada a experiencia das últimas décadas nas que se primou un desenvolvemento urbanístico expansivo que trouxo consigo un elevado consumo de solo, un incremento nos custes de prestación de servizos e salientables cambios nos hábitos de mobilidade.

Co título “Actuar sobre a cidade existente. Experiencias prácticas”, o segundo dos talleres partirá da coñecida Lei 8/2013, de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbanas como clara manifestación do lexislador estatal á hora de actuar sobre a cidade xa construída, actuación que, en ocasións, reviste unha complexidade considerable. Baixo a coordinación do arquitecto urbanista Gerardo Roger Fernández, analizarase pois a adecuación dos tradicionais instrumentos de planeamento e xestión para dar resposta a esta nova modalidade de intervención que xerou certas dúbidas na práctica, abordando a casuística destas actuacións e buscando solucións viables.

“Repensando o planeamento urbanístico. Cal debería ser o seu contido?” é a interrogante sobre a que se reflexionará no taller coordinado por Rafael Fernández Valverde, maxistrado do Tribunal Supremo, e José María Ezquiaga Domínguez, arquitecto e decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid. Ante o debate sobre a crise do planeamento ou o posible esgotamento do actual sistema de planeamento urbanístico, a cuestión sobre a mesa é determinar cal debe ser o camiño a seguir e que contido debería ser esixible nos plans urbanísticos.

A relevancia do Rexistro da Propiedade no tráfico xurídico resulta indiscutible e, neste sentido, a Lei do Solo de 2007 incidiu especialmente na regulación do acceso dos actos de natureza urbanística ao Rexistro. Así pois, cuestións como as parcelacións urbanísticas, as declaracións de obra nova, a inscrición dos actos de disciplina urbanística ou as consecuencias rexistrais derivadas da anulación de plans urbanísticos serán algunhas das cuestións que se tratarán no taller “Aspectos Rexistrais do Urbanismo”, coordinado polo avogado urbanista Gabriel Soria Martínez.

Juan Antonio Hernández Corchete, letrado do Tribunal Constitucional, será o encargado de coordinar o taller “Control Xudicial dos Actos Urbanísticos”. O control da actividade de edificación e uso do solo, o papel da xurisdición contencioso administrativa, a incidencia da nova regulación do recurso de casación ou mesmo, o eventual control que se debe efectuar dende a perspectiva constitucional serán, ante unha intervención crecente da xurisdición contencioso-administrativa no eido urbanístico, algún dos aspectos obxecto de reflexión neste taller.

No último dos obradoiros, “Despoboamento rural: unha visión de conxunto”, coordinado por Andrés Precedo Ledo, catedrático de Xeografía Humana da Universidade de Santiago de Compostela, reflexionarase sobre como frear os importantes desequilibrios territoriais aos que estamos asistindo e os múltiples factores que inflúen nos mesmos, como a importancia da agricultura, a fenda tecnolóxica ou o acceso ao mercado laboral.

Os obradoiros pechan así esta quinta edición do congreso anual da APLU e, con posterioridade á súa realización, crearase un grupo de traballo coordinado pola Axencia galega con asistentes profesionais procedentes doutras administracións públicas, coa finalidade de compartir experiencias e xerar sinerxías en materia de disciplina urbanística.