Novas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivienda, a través da APLU, e o Colexio de Arquitectos de Galicia organizan as xornadas "Cara onde vai o noso urbanismo"

27 de Maio de 2020

Dende o vindeiro 27 de maio ata o 17 de xuño, desenvolverase de forma on line un ciclo de 4 sesións, a través das cales se analizarán cuestións de máxima actualidade no eido urbanístico.

Con estas xornadas, froito da colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, ábrese un espazo de debate no que mediante a intervención de recoñecidos expertos no ámbito urbanístico convídase á reflexión en torno ao futuro da planificación urbanística e ao papel das cidades.

Vivimos unha situación excepcional marcada pola incerteza, unha crise que pode converterse nunha oportunidade para facer fronte a vellos paradigmas, pois nos permitiu tomar conciencia do valor do espazo público, da importancia do colectivo fronte ao individual, así como da necesidade de vivir en sociedade e de facer fronte ao cambio climático unha vez constatada a incidencia da nosa actividade cotiá sobre o noso planeta.

A procura de cidades de proximidade, de cidades humanas e vivibles, nas que se aproveiten as ferramentas e a tecnoloxía da era actual sen perder a perspectiva da escala humana, espazos dos que os seus habitantes sentan parte integrante fundamental porque tomen conciencia da posibilidade de participar no deseño da cidade na que queren vivir, son aspectos que poden contribuír decisivamente a cambiar a nosa sociedade e son algunhas das cuestións que se abordarán nestas xornadas.