Novas

O Plan xeral de Trazo consolidará a trama urbana e garantirá a protección da riqueza natural do municipio

27 de Outubro de 2017

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva do planeamento nun encontro co alcalde, José Dafonte.

Beatriz Mato destacou que o documento realiza unha proposta realista e adaptada ás necesidades e previsións de crecemento do municipio, que en 20 anos podería acoller 664 vivendas máis das actuais.

Ademais, prevese unha reserva de solo urbanizable industrial, potenciaranse os núcleos do rural próximos a Santiago e delimitaranse as áreas de especial conservación situadas en solo rústico.

Coa aprobación deste PXOM, son xa 97 os concellos de Galicia que dispoñen dunha ordenación urbanística integral para dar seguridade xurídica e avanzar no desenvolvemento sostible e racional do territorio.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio outorgou a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Trazo cuxo obxectivo é a consolidación da trama urbana e a protección da riqueza natural do municipio. Trátase, por tanto, dun importante avance para o concello, que ata o momento rexíase por unha ordenación urbanística aprobada no ano 2000 ao abeiro da obsoleta Lei 1/1997 do solo de Galicia.

Así, a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva deste instrumento de ordenación no transcurso dunha reunión co alcalde de Trazo, José Dafonte, ao que trasladou a importancia de dotar ao seu concello dun documento de ordenación integral, que achega seguridade xurídica, mantén a coherencia coa realidade territorial, fai un uso racional dos recursos e potencia o desenvolvemento sostible do territorio.

Neste senso, a conselleira destacou que o novo planeamento realiza unha proposta realista e adaptada ás necesidades e previsións de crecemento do municipio, que no horizonte de 20 anos poderá acoller 664 vivendas máis das 1.427 que existen na actualidade.

Deste xeito, os principios fundamentais do plan son a consolidación da trama urbana en Viaño e a delimitación do núcleo rural de Trazo conforme ao marco legal vixente. Con respecto a este ámbito, a proposta pasa por completar a ordenación e potenciar aqueles núcleos máis próximos ao concello veciño de Santiago.

Ademais, prevese unha reserva de solo urbanizable industrial coa posibilidade de concretar un pequeno polígono industrial que dará cabida, fundamentalmente, a industrias do ámbito local e con instalacións de pequeno a medio tamaño. Así, ofrecerase unha alternativa de calidade a aquelas empresas que na actualidade desenvolven a súa actividade industrial no ámbito rural.

A aposta pola protección dos recursos naturais do municipio evidenciase nos obxectivos principais da planificación, xa que propón a delimitación daquelas áreas que deben ser obxecto de especial protección fronte ao proceso de urbanización e edificación.
Compromiso coa ordenación sustentable e responsable

A titular do departamento autonómico reiterou o compromiso de cooperación cos concellos de Galicia para a consecución dun urbanismo sostible e responsable, por iso, sinalou, “continuaremos desenvolvendo novos instrumentos como os Plans Básicos Municipais destinados a aqueles concellos de menos de 5.000 habitantes que carezan de planeamento xeral”. “A previsión -engadiu- é que a finais de 2019 poidamos ter aprobados os primeiros plans básicos”.

Igualmente, recordou que coa aprobación do PXOM de Trazo –no que a Xunta aportou case 90.000 euros para colaborar nos custos da súa redacción-son 97 os concellos de Galicia que contan cun PXOM actualizado. Da totalidade dos PXOM, 64 foron aprobados por este Goberno e seis deles na actual lexislatura.