Convocado o primeiro Concurso “Amosando e protexendo o noso territorio”
Organizado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta de Galicia (APLU), no marco do Proxecto Terra, convócase nesta primeira quincena de decembro o primeiro concurso de debuxo, pintura e fotografía “Amosando e protexendo o noso territorio”.
Este concurso ten como obxecto estimular, promover e por en valor a importancia da preservación das nosas paisaxes concienciando en relación ao uso sustentable e responsable do noso territorio.
Poderán participar todos os centros do sistema educativo galego que solicitaron participar no actividade “Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do Territorio. Coida do Teu” no curso lectivo 2024-2025 (aproximadamente 60 centros).
Os traballos, modalidade individual, poderán presentarse en 6 categorías:
- CATEGORÍA 1: 4º, 5º e 6º de Educación Infantil
- CATEGORÍA 2: 1º e 2º curso de Educación Primaria (só técnicas Plásticas)
- CATEGORÍA 3: 3º, 4º curso de Educación Primaria (só Técnicas Plásticas)
- CATEGORÍA 4: 5º e 6º curso de Educación Primaria (só Técnicas Plásticas)
- CATEGORÍA 5: Educación Secundaria Obrigatoria, Ciclos Formativos de Grado Básico, (Técnicas Plásticas ou Fotografía)
- CATEGORÍA 6: Bacharelato e Ciclos Formativos de Grado Medio (Técnicas Plásticas ou Fotografía)
Todos os concursantes seleccionados recibirán un diploma da súa participación en formato dixital.
O gañador/a de cada unha das categorías recibirá un premio en especie de ata 300 euros, máis un ou dous accésits atendendo a valía das obras presentadas.
O centro educativo que represente o alumno/a gañador, recibirá unha réplica en gran formato do traballo gañador.
Os centros poderán presentar os traballos entre o 1 ao 19 de decembro de 2025.
O xurado estará composto por persoal da APLU, do COAG e docentes dos centro educativos galegos (7 membros).
A entrega de premios desenvolverase en dependencias da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela, prevista para o primeiro trimestre de 2026 (febreiro/marzo).
Do resultado do concurso realizarase unha exposición colectiva dixital coas obras presentadas nas páxinas web da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística-APLU e nas plataformas virtuais do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia-COAG.