Xornada de portas abertas da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística para o Desenvolvemento da actividade “Coñece e protexe o teu territorio”
O 12 de xuño de 2024 tivo lugar a Xornada de Portas Abertas da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), adscrita á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Esta xornada enmárcase na Semana de Administración Aberta da Xunta de Galicia, que se está a celebrar entre os días 10 a 16 de xuño, baixo a coordinación da Consellería de Facenda e Administración Pública, para dar a coñecer á cidadanía a organización da administración e a prestación dos servizos públicos que xestionan todos os departamentos e entidades da Xunta.
A APLU ten salientado como unha das súas actuacións prioritarias a de promover a formación, divulgación e mellora do coñecemento da normativa con incidencia na ordenación do territorio e do urbanismo no seu vixente Plan de Inspección Urbanística (DOG núm. 43, do 3 de marzo de 2022), coa finalidade de concienciar na importancia dun uso sostible do medio no que cohabitamos as xeracións presentes e futuras.
Con esta fin, durante esta Xornada a APLU abriu as portas das súas instalacións administrativas centrais a 25 alumnos de 3º da ESO do Instituto de Educación Secundaria Xelmírez II de Santiago de Compostela.
Os alumnos e os docentes responsables do devandito centro educativo público foron recibidos pola directora da APLU, Victoria Núñez López, para visitar as instalacións administrativas e posteriormente desenvolver a actividade “Coñece e protexe o teu territorio” dirixida polo persoal inspector urbanístico e de delineación da APLU.
O obxectivo principal da actividade é sensibilizar, concienciar, divulgar e formar aos participantes en relación ao medio e a intervención e ordenación do noso territorio.