Novas

As actuacións urbanísticas en solo urbano, analizadas no CEUTA-UAM Pablo de Olavide

24 de Maio de 2019

O réxime xurídico das actuacións en solo urbano aborda e delimita con claridade os distintos supostos que as e os técnicos teñen que resolver na práctica diaria? Esta é a interrogante á que pretende dar resposta a xornada “As actuacións urbanísticas en solo urbano” organizada polo Centro de Estudos Urbanísticos, Territoriais e Ambientais (CEUTA) Pablo de Olavide da Universidade Autónoma de Madrid (UAM) que se celebra hoxe en Madrid, baixo a dirección técnica de Jorge Agudo González, profesor titular de Dereito Administrativo da UAM e director do CEUTA-UAM Pablo de Olavide, e Felipe Iglesias González, tamén profesor titular de Dereito Administrativo da UAM e membro do comité científico do V Congreso da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

A xornada, que reúne a un notorio grupo de relatores e na que se dan cita profesionais de recoñecida traxectoria, parte da complexidade do urbanismo de cidade na práctica urbanística e o papel que xoga neste contexto unha ordenación legal non exenta de dificultades na súa interpretación e á que, pouco a pouco, a xurisprudencia vén achegando algo de luz. Así pois, xuristas, arquitectos e responsables de Administracións Públicas poñen hoxe en común as súas distintas visións co obxectivo de concretar os problemas que determinan e diferencian o réxime xurídico das obras de nova urbanización, de reforma ou renovación e de dotación, nun simposio ao que asiste a Axencia autonómica galega e que abre o arquitecto e decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM), José María Ezquiaga Domínguez, coordinador -xunto ao maxistrado do Tribunal Supremo, Rafael Fernández Valverde- dun dos 6 talleres que, baixo o título “Repensando o planeamento urbanístico. Cal debería ser o seu contido?”, se desenvolverán no V Congreso APLU sobre Disciplina Urbanística que terá lugar os próximos días 10, 11 e 12 de xuño en Santiago de Compostela.

As estratexias nacionais e internacionais de rexeneración urbana e a recuperación do concepto urbanístico de barrio son os eixes temáticos sobre os que pivotan as intervencións de Flavio Tejada Gorraiz (enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos, European Cities Task Force Chair ARUP e director do Máster Real Estate Development IE University) e Juan Luis de las Rivas Sanz (arquitecto do Instituto Universitario de Urbanística da Universidade de Valladolid), respectivamente.

Pola súa banda, César Tolosa Tribiño, maxistrado do Tribunal Supremo que este ano formará parte dun dos paneis de relatores do V Congreso APLU, aborda os parámetros xurisprudenciais das actuacións en solo urbano, mentres que José María Baño León, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Complutense, analiza o réxime xurídico das actuacións de nova urbanización, reforma ou renovación e dotación, así como as reservas de vivendas protexidas en solo urbano.

Unha mesa redonda específica sobre a rexeneración urbana e as actuacións urbanísticas en solo urbano no municipio de Madrid pecha o seminario, coa participación de Juan Ramón Fernández Torres, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Complutense de Madrid; Soledad Muñoz Fernández, secretaria xeral técnica da Área de Urbanismo do Concello de Madrid, e José María Ezquiaga, decano do COAM, entidade que colabora ademais na organización desta xornada técnica.