Preguntas frecuentes

Denuncias

D1.- Quen pode denunciar?

En urbanismo rexe a "acción pública", en virtude da cal calquera persoa pode dirixirse á administración competente para denunciar unhas obras ilegais,  sen necesidade de acreditar un interese lexítimo.

D2.- Como podo denunciar?

As denuncias sobre infracción urbanísticas teñen que presentarse por escrito, dirixidas á APLU ou á administración correspondente. Este escrito debe describir as obras obxecto de denuncia, a súa localización así como calquera outra información que se considere de interese. O escrito de denuncia debe presentarse asinado.

A persoa denunciante pode utilizar os seguintes modelos dispoñibles:

Acceso a expedientes

A1.- Como podo acceder a un expediente?

O acceso aos expedientes de disciplina urbanística é un dereito de todos os interesados, que poden coñecer, en calquera momento, o estado da tramitación.

no que se atopa o procedemento.Para unha maior celeridade, de estar interesado en acceder a un expediente, recoméndase a solicitude de cita previa (981544387 / direccion.aplu [at] xunta.es (direccion[dot]aplu[at]xunta[dot]es)).

A2.- Pódense obter copias dos expedientes?

Os interesados nun procedemento teñen dereito a obter copias da totalidade dos expedientes ou dos documentos que o integran.

A petición de copias debe realizarse por escrito, debidamente rexistrada e indicar se desexa fotocopias en papel ou copia dixitalizada,  previo pago da correspondente taxa.

Expedientes que se tramitan na APLU

E1.- Que tipos de expedientes se tramitan na APLU?

Os expedientes de investigación ou actuacións informativas, que, con carácter xeral, se tramitan nos Servizos Provinciais da Axencia. Estes expedientes non teñen unha duración legal determinada.

Os expedientes de reposición da legalidade urbanística que se tramitan nos Servizos Centrais da APLU en Santiago. A duración máxima de tramitación destes expedientes é dun ano a contar dende a data da súa incoación.

Os expedientes sancionadores, que tamén se tramitan nos Servizos Centrais da APLU. A duración máxima de tramitación destes expedientes é dun ano a contar dende a data da súa incoación.

Os expedientes de execución forzosa das resolucións adoptadas, que comezan ante o incumprimento da resolución do expediente de reposición.

Os expedientes de execución subsidiaria das resolucións ditadas, que comezan cando a Administración executa directamente a súa resolución, a custa do interesado.

E2.- Cal é a diferencia entre os expedientes de reposición e os expedientes sancionadores?

Ante a comisión dunha actuación contraria á legalidade urbanística a Administración está obrigada a tramitar dous procedementos distintos: o procedemento de reposición da legalidade urbanística e o procedemento sancionador.

O procedemento de reposición ten por obxecto restaurar a legalidade urbanística vulnerada pola comisión das obras. Este procedemento concluirá cunha resolución ordenando a demolición das obras e a reposición dos terreos o seu estado orixinario (se as obras resultan ilegalizables) ou, no seu caso, a solicitude do correspondente título habilitante de natureza urbanística (se as obras resultan legalizables).

O procedemento sancionador ten por obxecto a represión pola execución de obras ilegais.

E3.- Cal é o importe das sancións resultantes da tramitación do procedemento sancionador?

As infraccións leves serán sancionadas con multa de 300 a 6.000 euros e como mínimo o 2% do valor da obra, instalación ou actuación realizada.

As infraccións graves, con multa de 6.001 a 60.000 euros e como mínimo o 20% do valor da obra, terreos, exceso da edificación ou actuación realizada.

As infraccións moi graves, con multa de 60.001 a 1.000.000 euros e como mínimo o 30% do valor das obras, terreos, edificacións ou actuacións realizadas.

En todo caso, no caso de proceder voluntariamente a reposición da legalidade urbanística alterada, antes da resolución do procedemento sancionador, o responsable da infracción terá dereito a unha redución do 90%.

E4.- Cal é a diferencia entre unha sanción e unha multa coercitiva.

A sanción deriva da responsabilidade pola execución das obras realizadas e finaliza o procedemento sancionador. Soamente se pode impor unha sanción pola conduta ilícita realizada.

Pola contra, as multas coercitivas non son sancións, senón que son actos que pretenden a execución forzosa polo obrigado da orde de demolición ditada. As multas coercitivas impóñense de xeito periódico, sen que o seu número se atope limitado.

E5.- Se pago as multas xa non teño que demoler?

Non. As multas teñen como finalidade que o interesado cumpra a resolución ditada (demolición), cuxo cumprimento é inescusable. As multas deixarán de imporse no momento que se produce a demolición.

E6.- Que facer se a APLU me notifica un expediente de reposición por ser titular catastral dunha parcela cando xa non son propietario?

En primeiro lugar, debe comunicarse a transmisión da parcela. Asemade, debe dirixirse ao Catastro Inmobiliario e solicitar a alteración  da titularidade catastral da parcela polas circunstancias que concorran.

E7.- Que facer en caso de discrepancia entre os datos catastrais e os datos reais dunha parcela?

No caso de discordancia entre a descrición catastral da parcela e a realidade inmobiliaria, o interesado debe acudir ao procedemento de rectificación da titularidade da parcela,  previsto na lexislación reguladora do catastro.

Obras ilegais

O1.- Pódese colocar unha caravana en solo rústico? E unha vivenda prefabricada?

O uso residencial está prohibido en solo rústico (a excepción das vivendas vinculadas a unha explotación agropecuaria). Polo tanto, as caravanas e as casas prefabricadas, sexan móbiles ou non, para un uso residencial permanente ou temporal (por exemplo de fin de semana) están prohibidas, porque o uso ao que se destinan é un uso prohibido en solo rústico (artigo 35 da LSG).

O2.- Si teño licenza por que me abren expediente de reposición?

O motivo da apertura do expediente de reposición pode basearse ou ben en  obras non axustadas á licenza ou ben, en obras sen licenza, cando a licenza permite a construción dunhas obras determinadas e as executadas son outras diferentes.

O titular dunha  licenza atópase suxeito aos termos da mesma, de  modo que única e exclusivamente poderá executar aquelas obras que a licenza autoriza, cumprindo escrupulosamente as dimensións, características e o emprazamento das obras autorizadas. O contrario é un suposto de obras sen licenza.

O3.- En solo rústico, podo arrimar a miña construción á parcela do veciño se teño o seu permiso?

Non, en solo rústico os recuamentos das construcións aos lindes da parcela non poden ser inferiores a 5 m. O recuamento ven imposto pola normativa e,  polo tanto, un contrato entre partes  carece de valor  e as obras executadas non poderían ser legalizables.