Xornada de portas abertas da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística para o Desenvolvemento da actividade “Coñece e protexe o teu territorio”
O 12 de xuño de 2024 tivo lugar a Xornada de Portas Abertas da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), adscrita á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.  
Esta xornada enmárcase na Semana de Administración Aberta da Xunta de Galicia, que se está a celebrar entre os días 10 a 16 de xuño, baixo a coordinación da Consellería de Facenda e Administración Pública, para dar a coñecer á cidadanía a organización da administración e a prestación dos servizos públicos que xestionan todos os departamentos e entidades da Xunta.   
A APLU ten salientado como unha das súas actuacións prioritarias a de promover a formación, divulgación e mellora do coñecemento da normativa con incidencia na ordenación do territorio e do urbanismo no seu vixente Plan de Inspección Urbanística (DOG núm. 43, do 3 de marzo de 2022), coa finalidade de concienciar na importancia dun uso sostible do medio no que cohabitamos as xeracións presentes e futuras.
Con esta fin, durante esta Xornada a APLU abriu as portas das súas instalacións administrativas centrais a 25 alumnos de 3º da ESO do Instituto de Educación Secundaria Xelmírez II de Santiago de Compostela.
Os alumnos e os docentes responsables do devandito centro educativo público foron recibidos pola directora da APLU, Victoria Núñez López, para visitar as instalacións administrativas e posteriormente desenvolver a actividade “Coñece e protexe o teu territorio” dirixida polo persoal inspector urbanístico e de delineación da APLU.
O obxectivo principal da actividade é sensibilizar, concienciar, divulgar e formar aos participantes en relación ao medio e a intervención e ordenación do noso territorio.
Proxecto lúdico-educativo: "Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do Territorio. Coida do Teu" ao abeiro do ProxectoTERRA
A APLU ten como finalidade última velar pola utilización racional do solo. Para cumprir este fin, ademais de exercer as competencias específicas en materia de disciplina urbanística, aposta decididamente pola divulgación, sensibilización, concienciación e a formación como instrumento esencial para concienciar á cidadanía no respecto polo noso territorio.
Comprender a complexidade do territorio e da paisaxe e aprender dos elementos que a compoñen é fundamental para que as sociedades actual e futura realicen un uso responsable e sustentable do territorio.
Desde o ano 2019 a APLU é entidade cofinanciadora do ProxectoTERRA, que impulsa o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, e colabora de xeito activo nas súas actividades, en especial a través do proxecto lúdico-educativo "Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do Territorio. Coida do Teu".
Nesta actividade participa activamente o persoal inspector e subinspector urbanístico da Xunta de Galicia, coa finalidade de promover entre os máis pequenos o coñecemento do territorio galego, da súa paisaxe, así como dos elementos máis característicos da súa contorna máis próxima, trasladando a nenas e nenos o valor de coidar o territorio, un territorio que é de todas e de todos.
Todas as actividades están adaptadas ás diferentes etapas educativas (infantil, primaria e secundaria) e teñen en conta os temas e materias reflectidas no currículo educativo correspondente.
Deste xeito, na etapa infantil traballase na aula cunha metodoloxía eminentemente lúdica, con obradoiro teatral e actividades de traballo en equipo.
Pola súa banda, e segundo os distintos niveis escolares, os nenos e nenas de educación primaria e educación secundaria abordan as distintas temáticas combinando o xogo con reflexións, debates conxuntos, traballo en equipo e unha aproximación ao seu contorno próximo e os principios do urbanismo promovendo a reflexión e o espírito crítico.
Para máis información: https://proxectoterra.coag.es
Link para as fotos "Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do Territorio. Coida do Teu".