A axencia

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) foi creada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia. É un instrumento fundamental de colaboración da Consellería e os Concellos para velar pola utilización racional do solo conforme ao disposto na normativa reguladora do urbanismo, a ordenación do territorio e do litoral, especialmente no medio rural e na zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre.

O solo -o territorio- é un recurso natural escaso, non renovable e extraordinariamente valioso que dá soporte físico á vida, aos asentamentos de poboación, aos centros de produción de bens e servizos e a todas as actividades humanas.

Todos os cidadáns, sexan ou non propietarios do solo, teñen dereito a un medio urbano e natural adecuado para o desenvolvemento da persoa. Por esta razón, cómpre:

  • Utilizar os recursos naturais -aire, auga e solo- con racionalidade, con intelixencia e con prudencia.  
  • Mellorar a cohesión social e a calidade de vida dos cidadáns, favorecendo a promoción de vivendas asequibles en entornos amables e dotados de infraestruturas, equipamentos e espazos públicos suficientes e adecuados.
  • Protexer e poñer en valor o patrimonio natural e cultural e a riqueza paisaxística dos espazos naturais e do litoral, que constitúen elementos esenciais da identidade de Galicia.

A Axencia está adscrita organicamente á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. É unha entidade pública, dotada de personalidade xurídica, patrimonio e orzamentos propios e plena autonomía no cumprimento das súas funcións.

Os Estatutos da Axencia foron aprobados definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 31 de outubro de 2007. En maio de 2008 iniciou de forma efectiva a súa actividade.