Novas

A APLU asiste ao XI Congreso de Dereito Urbanístico de ACADUR

25 de Abril de 2019

A dirección da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) asiste ao XI Congreso de Dereito Urbanístico da Asociación Canaria de Derecho Urbanístico (ACADUR) que, este ano e baixo o título “Paisaxe: perspectiva, recurso e conflito”, analiza distintas temáticas de interese para a función pública urbanística, coa paisaxe como eixe central e fío condutor. 

No congreso, que reúne a especialistas no ordenamento e a planificación territorial e urbanística de todo o Estado, abórdanse dende hoxe e durante tres xornadas de traballo as últimas novidades normativas en materia de urbanismo e ordenación do territorio e a súa incidencia concreta sobre a paisaxe, así como a súa dimensión territorial e económica e os conflitos que poden xerar. 

Ademais de distintas cuestións lexislativas de actualidade, o simposio analiza outras temáticas que, pola súa complexidade, novidade ou común incidencia no normal exercicio da función pública urbanística, demandan unha maior atención e requiren dunha especial difusión e debate, permitindo compartir experiencias prácticas entre os distintos operadores na materia. 

Así, os acoutamentos xurídicos da paisaxe e a súa protección e valor no ordenamento territorial; o réxime dos usos consolidados do solo; o denominado urbanismo ecosistémico ou a íntima relación entre territorio, paisaxe e turismo e o papel da mobilidade na sostibilidade dos destinos turísticos son algúns dos contidos que tamén centran o debate e a reflexión conxunta entre as e os asistentes ao congreso que, nesta undécima edición, rende homenaxe a César Manrique polas súas achegas en materia de urbanismo e paisaxe, coincidindo co centenario do nacemento do artista canario.