A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística abre as súas portas aos alumnos do IES Plurilingüe de Ames para incentivar a concienciación sobre o coidado do territorio
- Un total de 32 alumnos de 1º de bacharelato participaron esta mañá desta actividade, cuxo obxectivo principal é sensibilizar, divulgar e formar aos participantes en relación ao medio e a intervención e ordenación do territorio
- Esta iniciativa se enmarca na colaboración da Xunta co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia denominado Proxecto Terra
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) abriu esta mañá as súas portas a un grupo de alumnos do IES Plurilingüe de Ames para desenvolver a actividade “Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do Territorio. Coida do teu”.
A directora da APLU, Victoria Núñez, foi a encargada de recibir aos 32 alumnos de 1º de bacharelato, acompañados de dúas docentes, que participaron durante esta mañá desta actividade, cuxo obxectivo principal é sensibilizar, concienciar, divulgar e formar aos participantes en relación ao medio e a intervención e ordenación do noso territorio.
A este respecto, comprender a complexidade do territorio e da paisaxe e aprender dos elementos que a compoñen é fundamental para que as sociedades actual e futura realicen un uso responsable e sustentable do territorio.
A través desta actividade, que se se encadra no convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia denominado Proxecto Terra, os alumnos foron coñecendo da man de inspectores urbanísticos ás nocións básicas en relación ao territorio, a paisaxe, así como aos instrumentos de ordenación e planeamento urbanístico, os usos e construcións permitidos no territorio.
Ademáis, durante a xornada, desenvolveuse unha parte práctica, con actividades lúdico-educativas na que o persoal técnico da APLU lles amosou o uso das distintas ferramentas que se usa persoal da Xunta no día a día.
A actividade compleméntase cunha sesión dirixida de debate onde o alumnado poderá expoñer e reflexionar sobre a transformación e a percepción do territorio.