Novas

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística asume novas competencias en materia de disciplina urbanística en 13 concellos

11 de Decembro de 2019
  • A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá cos alcaldes destes municipios os convenios de colaboración en virtude dos cales lle cederán tamén á APLU as competencias para poder actuar cando as obras estean suxeitas só a comunicación previa municipal

    
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), asumirá novas competencias en materia de disciplina urbanística en 13 concellos. Así se plasmou esta mañá coa sinatura dos correspondentes convenios por parte da conselleira Ángeles Vázquez e dos alcaldes de Pantón, José Luis Álvarez, de Ares, Julio Iglesias, de Mugardos, Juan Domingo de Deus, de Cariño, José Miguel Alonso, de Barro, Xosé Manuel Fernández, da Pastoriza, Primitivo Iglesias, de Begonte, José Ulla Rocha, de Becerreá, Manuel Martínez, de Castroverde, Xosé María Arias, de Vilardevós, Manuel Cardoso, de Sandiás, Felipe Traveso, de Gomesende, Pura Rodríguez, e de Punxín, Manuel Vázquez.

Aínda que estes 13 concellos xa estaban adheridos á APLU, os convenios subscritos hoxe permitirán ao organismo dependente de Medio Ambiente ampliar a súa capacidade de intervención ante eventuais infraccións, xa que asume tamén as competencias no caso de que a obra en cuestión estea suxeita só a unha comunicación previa municipal.

Ata o momento, nestes municipios só se contemplaba a intervención da Axencia cando as obras requirisen dunha licenza municipal. Sen embargo e en resposta a unha petición das propias entidades locais, a APLU anunciou o ano pasado a posibilidade de estender a súa intervención a todo tipo de obras, sempre que o concello o solicite previamente e mediante unha modificación dos convenios de adhesión orixinais.

Con esta ampliación competencial o que se busca é responder ao feito de que, na práctica, son precisamente as pequenas construcións, como muros de peche ou alpendres e que non están sometidas a licenza municipal, as que xeran moitas das infraccións urbanísticas nos concellos máis pequenos, polo que a axuda da APLU neste sentido resulta moi interesante.

Durante o acto, Vázquez Mejuto felicitou a todos os alcaldes presentes por dar “un paso máis” a prol dun correcto uso urbanístico do seu territorio e da protección da paisaxe. Nesta liña, recordou que o principal obxectivo da APLU –a primeira axencia urbanística de ámbito autonómico que se puxo en marcha en España- é velar pola legalidade e garantir o control sobre as posibles infraccións que se produzan en materia de urbanismo.

Cómpre lembrar que, nestes momentos, 82 concellos galegos teñen delegadas na APLU as súas competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística vulnerada por obras ou intervencións que se executen en solo rústico. A Axencia, pola súa parte, comprométese a transferir a todos os concellos adheridos un 10% da contía total recadada en concepto de multas coercitivas e sancións.

Así mesmo, Ángeles Vázquez recoñeceu que a APLU xoga un papel fundamental á hora de concienciar á sociedade da necesidade de coidar o territorio. E non só polo feito de que na última década máis de 60 concellos “de todas as cores políticas” confiaran parte das súas competencias a este organismo, senón tamén porque propiciou a concienciación da poboación galega, tal e como demostra a redución das multas coercitivas impostas polo organismo en 2018 ou o feito de que un 94% das demolicións efectuadas foron realizadas polos particulares infractores.