Novas

O Plan Básico Autonómico entra hoxe en vigor co obxectivo de concretar a protección do solo rústico no conxunto de Galicia

22 de Outubro de 2018

Galicia é desde hoxe a primeira comunidade española en contar cun Plan Básico Autonómico (PBA) en vigor, un instrumento urbanístico que beneficiará ao conxunto dos 313 concellos galegos e a sitúa como unha das rexións europeas cun coñecemento máis claro e exhaustivo do seu territorio. Con este obxectivo, o PBA concreta por primeira vez todas as proteccións en solo rústico, que supoñen o 93% do territorio galego, e identifica os 39.000 asentamentos de poboación existentes na comunidade.

A entrada en vigor desta nova normativa terá unha especial repercusión para os 37 concellos de menos de 5000 habitantes que non teñen un planeamento xeral propio e aínda se rexían polas Normas Provinciais do ano 1991. O Plan Básico Autonómico substitúe estas normas polo que nestes 37 concellos a súa aplicación será directa.

Así mesmo e de forma complementaria, o PBA tamén será de aplicación para os 168 concellos que están suxeitos a normas subsidiarias municipais ou a PXOM non adaptados ao marco normativo en vigor, nos que o Plan Básico permitirá corrixir as indeterminacións ou lagoas que existan.

Entre as principais vantaxes deste plan cómpre resaltar a súa contribución á definición das áreas do territorio nas cales é necesario recadar informe dos diferentes organismos con competencias sectoriais, de xeito que dará transparencia e axilidade ao mecanismo de solicitude destes informes; así como o establecemento dunha regulación de carácter xeral dos diferentes usos do solo e da edificación a través dunhas ordenanzas tipo que serán incorporadas aos futuros plans básicos municipais.

De feito, sobre os cimentos deste Plan Básico Autonómico comezarán a deseñarse os plans básicos municipais, que permitirán que os concellos máis pequenos de Galicia (os de menos de 5000 habitantes) teñan as mesmas oportunidades que os grandes para acceder a un planeamento urbanístico.

A este respecto, cómpre subliñar que os 37 municipios de menos de 5000 habitantes que aínda non dispoñen dun planeamento xeral e que non teñen a súa redacción avanzada, poderán contar co apoio total da Xunta para dotarse a medio prazo deste instrumento. De feito, a contratación dos PBM xa saíu a licitación cun orzamento total de 2,5 millóns de euros e a previsión é que os primeiros estean listos o ano que vén.