O V Congreso APLU reúne a partir do luns en Santiago a algúns dos especialistas nacionais e internacionais máis recoñecidos en materia de urbanismo e disciplina urbanística
- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, inaugurará o simposio anual da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, cuxa conferencia inaugural será impartida polo presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa Pillado
- O expresidente do Tribunal Constitucional, Pascual Sala; os maxistrados do Tribunal Supremo, César Tolosa Tribiño e Rafael Fernández Valverde; o director xeral do Alto Comisionado para a Axenda 2030, Federico Buyolo; e o profesor de Dereito Público e un dos expertos máis reputados a nivel internacional en su ámbito de actuación, Jean-Bernard Auby; entre os relatores
- O catedrático emérito de Urbanismo e un dos grandes especialistas na materia, José Fariña Tojo; o urbanista portugués Frederico Moura; a arquitecta e profesora de Urbanismo, Inés Sánchez de Madariaga, ou os catedráticos de Dereito Administrativo Ángel Menéndez Rexach, Francisco Javier Jiménez de Cisneros e Luciano Parejo, tres das voces máis autorizadas da doutrina administrativa en materia de urbanismo, tamén intervirán nesta quinta edición dun congreso xa consolidado como referente a nivel nacional
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2019.- O V Congreso sobre urbanismo e disciplina urbanística organizado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) reunirá en Santiago de Compostela a partir deste luns, 10 de xuño, a algúns dos especialistas nacionais e internacionais máis recoñecidos na materia, nun simposio que xa se ten consolidado como un dos referentes a nivel nacional. O congreso, que se celebrará durante tres intensas xornadas no auditorio de Abanca, será inaugurado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e contará coa participación de preto de 400 profesionais de toda España que reflexionarán sobre os principais retos e cuestións de actualidade que presenta o noso sistema urbanístico, os seus problemas, conflitos e posibles solucións.
Así pois, e baixo o lema “Estado do urbanismo e retos para o futuro”, un nutrido e prestixioso grupo de expertos dos ámbitos xurídico, administrativo e académico, así como da planificación urbanística, abordará dende unha perspectiva multidisciplinar o presente e futuro dos novos modelos urbanos, a súa interrelación coas políticas públicas e a intervención administrativa en materia de disciplina urbanística, nunha convención cuxa conferencia inaugural será impartida polo presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa Pillado.
Entre os relatores desta V edición do congreso da APLU -organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda-, atópanse o avogado e expresidente do Tribunal Constitucional, Pascual Sala; os maxistrados do Tribunal Supremo, César Tolosa Tribiño e Rafael Fernández Valverde; o profesor emérito de Dereito Público de Sciences Po París e un dos expertos xurídicos máis reputados a nivel internacional no seu ámbito de actuación e no estudo da cidade e o territorio, Jean-Bearnard Auby; o catedrático emérito de Urbanismo da Universidade Politécnica de Madrid e un dos grandes especialistas na materia, José Fariña Tojo; ou os catedráticos de Dereito Administrativo Ángel Menéndez Rexach, Francisco Javier Jiménez de Cisneros e Luciano Parejo (das universidades Autónoma de Madrid, os dous primeiros, e Carlos III, o último), tres das voces máis autorizadas da doutrina administrativa en materia de urbanismo.
A eles súmanse tamén dende o ámbito administrativo, entre outros, o director xeral do Alto Comisionado para a Axenda 2030, Federico Buyolo; a subdirectora xeral de Políticas Urbanas do Ministerio de Fomento, Ángela de la Cruz; ou a directora da Axencia de Vivenda de Cataluña e profesora de Dereito Administrativo, Judith Gifreu, así como representantes doutras administracións autonómicas e locais. Profesionais igualmente recoñecidos como o urbanista portugués Frederico Moura; a arquitecta e profesora de Urbanismo da Universidade Politécnica de Madrid, Inés Sánchez de Madariaga; ou o tamén arquitecto urbanista Gerardo Roger Fernández, entre outros, tamén formarán parte dos distintos paneis de expertos que integran esta nova edición do simposio organizado pola Axencia galega.
Todos eles achegarán unha visión de conxunto sobre os novos desafíos que presenta o sistema urbanístico e analizarán algúns dos temas que centran a actualidade no sector, como a incorporación das políticas de vivenda e xénero no urbanismo; os obxectivos de desenvolvemento sostible 2030 nas axendas urbanas; a mediación como instrumento para a execución de sentenzas urbanísticas; a mobilidade como eixe de desenvolvemento urbano sostible; as próximas medidas lexislativas para reforzar a seguridade xurídica dos plans de urbanismo ou a anulación de licenzas e demolicións en relación cos propietarios adquirintes de boa fe das edificacións afectadas.
O congreso incluirá tamén o desenvolvemento de seis talleres participativos nos que se abordarán cuestións de interese específico como os novos modelos de planificación urbana, os contidos do planeamento urbanístico, os aspectos rexistrais do urbanismo, o control xudicial dos actos urbanísticos ou o despoboamento rural.