Novas

Preto de 2.000 escolares de toda Galicia participan este ano no ‘Proxecto Terra’ , impulsado pola Xunta e o COAG rra', impulsado por la Xunta y el COAG

31 de Xaneiro de 2025
  • Allegue explicou que esta iniciativa se enmarca na colaboración da Xunta co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, mediante este proxecto que cumpre 25 anos
  • De xeito máis concreto, no programa “Eu son inspect@r urbanísti@. Coida do Territorio. Coida do teu”, participaron preto de 4.600 alumnos desde que botou a andar no ano 2019
  • Os alumnos de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato achéganse ao urbanismo e á paisaxe a través de actividades adaptadas e cada idade, talleres teatrais para os máis cativos e sesións teórico- prácticas para os maiores
  • A conselleira puxo en valor o traballo de concienciación da Xunta para “acadar unha Galicia máis sostible e consciente, na que todos, desde os máis pequenos ata os profesionais, somos responsables de coidar o territorio que nos rodea”
     

     

Preto de 2.000 escolares de toda Galicia participan este ano no Proxecto Terra, impulsado pola Xunta e o COAG.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe a Escola de Educación Infantil Monte da Guía en Vigo, onde se desenvolve ao programa Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do Territorio. Coida do teu, que forma parte do citado proxecto.

Lembrou que esta iniciativa se enmarca na colaboración entre a Xunta -as Consellerías de Vivenda e de Educación- e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), a través do Proxecto Terra, que está a cumprir 25 anos.

No pasado mes de setembro renovouse esta colaboración cun investimento de 360.000€, dos que o Goberno galego financia o 90%, para seguir estendendo a divulgación do urbanismo.

Esta cooperación permite, entre outras actividades, achegar aos rapaces de toda Galicia o programa de “Eu son inspect@r urbanísti@”, cuxo obxectivo, tal como remarcou a conselleira, é  trasladar aos máis novos que cómpre preservar o patrimonio e os espazos naturais.

Nesta iniciativa, deseñada por persoal da Axencia da Protección da Legalidade Urbanística (APLU), xa participaron preto de 4.600 alumnos desde que botou a andar no ano 2019.

Os alumnos de todas as etapas educativas, Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato, achéganse ao urbanismo e á paisaxe a través de actividades adaptadas e cada idade.

Neste sentido, os rapaces de Educación Infantil e Primaria participan en talleres teatrais como o realizado hoxe en Vigo; e os alumnos de Secundaria e Bacharelato interactúan en sesións teórico-prácticas na aula, podendo incluso visitar a sede da APLU en Santiago.

A conselleira fixo fincapé no traballo da Xunta, neste caso de concienciación, para “acadar unha Galicia máis sostible e consciente, na que todos, desde os máis pequenos ata os profesionais, somos responsables de coidar o territorio que nos rodea.”