Preto de 400 profesionais de toda España asistirán ao V Congreso anual da APLU sobre urbanismo e disciplina urbanística
- Baixo o lema “Estado do urbanismo e retos para o futuro”, o simposio celebrarase en Santiago a partir deste próximo luns 10 de xuño, consolidado como un dos referentes na materia a nivel nacional
- Relatores de recoñecido prestixio nacional e internacional reflexionarán durante tres xornadas e dende unha perspectiva multidisciplinar sobre os novos modelos urbanos, a súa interrelación coas políticas públicas e a intervención administrativa en materia de disciplina urbanística
- O congreso abordará, entre outras, cuestións de actualidade como a incorporación das políticas de vivenda e xénero á planificación urbanística, as futuras medidas lexislativas para reforzar a seguridade xurídica dos plans de urbanismo ou o instrumento de mediación nas sentenzas urbanísticas
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2019.- Preto de 400 profesionais de toda España daranse cita no V Congreso anual sobre disciplina urbanística organizado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) que, nesta edición e baixo o lema “Estado do urbanismo e retos para o futuro”, se celebrará entre os próximos días 10 e 12 de xuño en Santiago de Compostela. Deste xeito, o simposio consolídase un ano máis como referente nacional proporcionando un espazo común de reflexión e intercambio de experiencias que ten como obxectivo último contribuír no avance cara a un desenvolvemento urbanístico verdadeiramente sostible.
Así pois, durante as tres xornadas que durará o congreso, un nutrido grupo de especialistas de recoñecido prestixio a nivel nacional e, por primeira vez, tamén internacional, abordará dende unha perspectiva multidisciplinar os principais retos e cuestións de actualidade que presenta o noso sistema urbanístico, os seus problemas, conflitos e posibles solucións. Deste xeito, algunhas das voces máis autorizadas dos ámbitos xurídico, administrativo e académico, así como da planificación urbanística, analizarán o presente e futuro dos novos modelos urbanos, a súa interrelación coas políticas públicas e a intervención administrativa en materia de disciplina urbanística.
O simposio da APLU, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ofrecerá tamén unha visión de conxunto sobre as distintas respostas adoptadas no noso contorno aos novos desafíos que presenta o sector e analizará algúns dos temas que centran a actualidade urbanística, como a incorporación das políticas de vivenda e xénero no urbanismo; os obxectivos de desenvolvemento sostible 2030 nas axendas urbanas; a mediación como instrumento para a execución de sentenzas urbanísticas; a mobilidade como eixe de desenvolvemento urbano sostible; as próximas medidas lexislativas para reforzar a seguridade xurídica dos plans de urbanismo ou a anulación de licenzas e demolicións en relación cos propietarios adquirintes de boa fe desas edificacións.
Estas e outras cuestións serán analizadas por expertos de toda España e doutros países, que compartirán as súas experiencias e coñecementos cos asistentes co obxectivo último de propoñer posibles melloras que se poidan adoptar en actuacións urbanísticas a futuro. Deste xeito, entre os relatores atópanse maxistrados e letrados do Tribunal Supremo e do Constitucional; as voces xurídicas máis autorizadas da doutrina administrativa en materia urbanística no noso país e tamén en Francia; representantes do Alto Comisionado para a Axenda 2030, o Ministerio de Fomento e outras administracións autonómicas e locais, así como o presidente do Consello Consultivo de Galicia e algúns dos especialistas máis destacados nos distintos ámbitos do urbanismo e a planificación urbanística tanto en España como en Francia e Portugal.
Entre as novidades que presenta esta V edición, o simposio incrementará a seis o número de talleres participativos que inclúe no seu programa (fronte aos catro da edición anterior) e neles abordará cuestións de interese específico como os novos modelos urbanos, os contidos do planeamento urbanístico, os aspectos rexistrais do urbanismo, o control xudicial dos actos urbanísticos ou o despoboamento rural.