Novas

A Xunta asesora ao concello da Peroxa sobre o proceso de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

La Xunta asesora al ayuntamiento de A Peroxa sobre el proceso de adhesión a la Agencia de Protección de la Legalidad Urbanística
11 de Marzo de 2022
  • Durante a xuntanza, analizáronse as principais características territoriais do termo municipal ourensán, que conta cunha gran diversidade de núcleos de poboación

A Xunta de Galicia está a asesorar ao Concello da Peroxa sobre o procedemento de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), organismo autonómico que desde 2009 se encarga de velar polo cumprimento da normativa nesta materia, asumindo parte das competencias das entidades locais adscritas e ofrecéndolles a súa asistencia técnica e xurídica.

Con este obxectivo, o director da APLU, Jacobo Hortas, e o alcalde, Manuel Seoane, mantiveron esta semana unha reunión de traballo para falar, entre outros asuntos, dunha posible integración do concello ourensán na Axencia, á que xa se incorporaron ata o momento un total de 91 municipios galegos.

Neste sentido e tras facerlle entrega ao rexedor dun borrador de convenio de adhesión, o director do organismo explicoulle algunhas das particularidades e vantaxes que conleva integrarse na APLU. Ademais da delegación de competencias municipais en materia de disciplina urbanística en solo de núcleo rural, referiuse tamén a que os concellos poden derivarlles consultas de diversa índole e mesmo solicitar formación específica na materia para manter ao día aos seus técnicos municipais.

Así mesmo, analizaron as principais características territoriais da Peroxa, un concello que, tal e como subliñou o propio alcalde, destaca por ter unha gran diversidade de núcleos de poboación, o que supón tamén un desafío desde o punto de vista urbanístico.

Jacobo Hortas, pola súa parte, agradeceu ao alcalde o seu interese, incidindo na importancia de que os concellos galegos amosen un compromiso cada vez maior a prol dun correcto aproveitamento urbanístico do territorio e da protección da paisaxe. De feito, salientou que a APLU comparte ese mesmo obxectivo, polo que contar coa súa axuda e asesoramento pode resultar de gran interese para as entidades locais.

Na mesma liña, lembrou que o principal fin co que naceu este organismo de natureza consorcial —a primeira axencia urbanística de ámbito autonómico que se puxo en marcha en España— é velar pola legalidade e garantir o control sobre as posibles infraccións que se produzan na materia, exercendo funcións de control e inspección pero tamén de asesoramento e interpretación da normativa vixente.

Así, o director da APLU explicou que os seus técnicos e inspectores manteñen un contacto permanente cos concellos en relación a aqueles asuntos que afectan ao eido do urbanismo e á ordenación del territorio, conscientes da importancia que ten apoiar e estar cerca das entidades locais para velar polo cumprimento da legalidade urbanística.