Novas

A Xunta convoca un curso para actualizar a formación en materia urbanística dos empregados públicos autonómicos e locais

15 de Setembro de 2021

A Xunta convoca un curso presencial de 15 horas sobre cuestións de actualidade e relacións de colaboración con axentes implicados na disciplina urbanística dirixido a todo o persoal da administración pública, ben autonómica ou locais.

O obxecto desta formación é abordar as novidades normativas na materia de ordenación do territorio e urbanismo, como a recente entrada en vigor da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, así como as últimas modificacións efectuadas sobre a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Por outra banda, esta acción formativa ten por obxecto clarificar as relacións entre os diferentes suxeitos que operan na defensa da ordenación do territorio, do urbanismo e do litoral: fiscalía, xulgados e tribunais do poder xudicial, as diferentes administracións territoriais e colexios profesionais que velan polo adecuado exercicio das profesións cualificadas para o proceso de urbanización e edificación.

Así, preténdese obter a visión de diferentes axentes que colaboran para o exercicio das súas respectivas potestades e competencias en defensa da legalidade territorial, urbanística e da ordenación do litoral en Galicia.

A resolución pode consultarse no Diario Oficial de Galicia do día 14 de setembro e xa está aberto, ata o 22 de setembro, o prazo para solicitar unha das 60 prazas dispoñibles. As solicitudes realizaranse vía telemática a través da web da EGAP.

Esta formación enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Escola Galega de Administración Pública e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística para ofrecer formación práctica e actualizada sobre disciplina urbanística ao persoal da Xunta e dos concellos que se encarga de velar polo cumprimento da normativa vixente nesta materia.