Novas

A Xunta e Nogueira de Ramuín actualizan a súa colaboración para velar polo cumprimento da disciplina urbanística

28 de Outubro de 2021
  • A Xunta amplía a súa intervención a aquelas actuacións suxeitas só a unha comunicación previa municipal, co obxectivo de evitar os impactos paisaxísticos que provocan estas pequenas intervencións
  • O Concello de Nogueira de Ramuín recibirá o 10% das multas coercitivas e sancións impostas e recadadas pola APLU no termo municipal cada ano
  • A APLU contará o vindeiro ano cun orzamento de case 6 millóns de euros, para acadar que o número de concellos galegos adheridos sexa o centenar

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Nogueira de Ramuín acordaron actualizar o seu compromiso de colaboración para velar polo cumprimento da disciplina urbanística neste municipio. A conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor municipal, José César Parente, rubricaron esta mañá o acordo polo que se modifica o convenio de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, xa asinado en 2012.

Un dos cambios que se introduce é que a partir de agora a APLU amplía a súa capacidade de intervención ante eventuais infraccións, pois tamén asumirá as competencias no caso de que a obra en cuestión estea suxeita só a unha comunicación previa municipal.

A conselleira indicou que ata o momento, neste municipio, só se contemplaba a intervención da Axencia cando as obras requirisen dunha licenza municipal. Non obstante, e a petición da propia entidade local, a APLU estenderá a súa intervención a todo tipo de obras.

Asemade, un dos cambios que beneficiará á administración local é que terá dereito ao 10% do produto das multas coercitivas e sancións impostas recadadas pola APLU no termo municipal.

Vázquez Mejuto felicitou ao alcalde por dar un paso máis a prol dun correcto uso urbanístico do seu territorio e da protección da paisaxe; para poñer coto ás pequenas construcións, como muros de peche ou alpendres e que non están sometidas a licenza municipal, que son as que xeran moitas das infraccións urbanísticas nos concellos máis pequenos, polo que a axuda da APLU neste sentido resulta moi interesante.

Nesa liña, recordou que a sociedade galega e as entidades locais terán proximamente ao seu alcance unha serie de guías de boas prácticas, con recomendacións e consellos para levar a cabo actuacións respectuosas coa súa contorna.

Destacou que o principal obxectivo da APLU –a primeira axencia urbanística de ámbito autonómico que se puxo en marcha en España- é velar pola legalidade e garantir o control sobre as posibles infraccións que se produzan en materia de urbanismo. De feito, o vindeiro ano contará cun orzamento de case 6 millóns de euros, para –entre outras metas- acadar que o número de concellos galegos adheridos á Axencia sexa un cento.