Novas

A Xunta e o Colexio de Arquitectos colaboraron para formar no respecto ao territorio a uns 55.000 escolares galegos en 20 anos

06 de Maio de 2021
  • A responsable autonómica subliña a importancia das actuacións formativas e de concienciación acometidas ao abeiro deste proxecto, presente en todos os centros educativos da Comunidade e coas que se crea “conciencia” desde a infancia
  • Esta iniciativa naceu no ano 2000 e contou cun orzamento de 1,6 millóns de euros na última década, grazas ás achegas do Goberno galego e do COAG
  • A mostra, composta por case 40 paneis explicativos e traballos feitos polos nenos participantes, permanecerá aberta no Museo do Gaiás ata o vindeiro 27 de xuño

A colaboración entre a Xunta e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) ao longo das dúas últimas décadas permitiu formar no respecto e na protección da paisaxe e o territorio a uns 55.000 escolares pertencentes a centros educativos de toda a Comunidade.

Así o subliñou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a inauguración no Museo Centro Gaiás da exposición 20 anos de Proxecto Terra, un dos actos principais organizados para conmemorar e poñer en valor esta iniciativa, impulsada no ano 2000 co obxectivo de educar e xerar espírito crítico entre o alumnado galego de Primaria e Secundaria en relación coa arquitectura e a paisaxe.

Tras agradecer a implicación e o traballo desenvolvidos por todos os participantes desde a posta en marcha do Proxecto Terra, Ángeles Vázquez fixo unha mención especial aos arquitectos e profesores responsables de idear e impartir a formación necesaria para crear “conciencia” desde a infancia grazas a unha iniciativa, presente xa, dun xeito ou doutro, “en todos os centros educativos da Comunidade”.

Neste sentido, subliñou o importante que é para unha rexión coa riqueza paisaxística e natural de Galicia apostar pola educación no respecto a estes valores con iniciativas que formen ás novas xeracións na necesidade de “protexer o noso”. “Coa colaboración do COAG, da man de reputados profesionais e dun profesorado implicado, levamos anos intentando cambiar Galicia para ben: acabar coa cultura do ti vai facendo pola de ímolo facer ben”, declarou a conselleira.

Pola súa parte, a decana do COAG, Elena Ampudia, amosou o seu máximo agradecemento e recoñecemento a todos os implicados no Proxecto Terra: “Polo seu compromiso co claro e fundamental obxectivo de que o alumnado teña un mellor coñecemento crítico e propositivo sobre os espazos que habitamos, que herdamos de quen nos precederon, e que temos a obriga de traspasar ás futuras xeracións, administrándoo con responsabilidade e co compromiso irrenunciable coa sostenibilidade do lugar que habitamos”, incidiu.

Achega de 1,6 millóns na última década

Cómpre lembrar que esta iniciativa naceu no ano 2000 e contou cun orzamento de 1,6 millóns de euros na última década, grazas ás achegas da Xunta e do COAG. Neste período, tamén hai que subliñar a participación de varios organismos, públicos e privados, como a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU).

Nestas dúas décadas foron aproximadamente 300 os centros educativos de toda Galicia que acolleron de forma presencial algunha das actividades do proxecto, coa participación in situ de profesores e persoal relacionado co COAG e coa APLU. Así mesmo, todos os centros educativos da Comunidade dispoñen de material relacionado co proxecto.

A mostra 20 anos de Proxecto Terra, que permanecerá aberta na Cidade da Cultura para o público en xeral e grupos de escolares ata o vindeiro 27 de xuño, fai unha ampla recompilación dos diferentes traballos realizados polos centros educativos participantes, o COAG e a APLU ao longo da vida deste proxecto, que busca trasladar ao eido educativo aspectos claves relacionados coa arquitectura, o territorio e a paisaxe.

Ademais, no marco dos actos conmemorativos programados durante os próximos meses con motivo do 20 aniversario -que a covid obrigou a pospoñer en 2020-, tamén está prevista a celebración dunha serie de visitas guiadas dirixidas a escolares por lugares emblemáticos de Galicia como Santiago de Compostela, Allariz, Pontevedra, Ferrol ou Lugo co fin de que poidan comprobar de primeira man e con exemplos prácticos o coidado do territorio.

Os centros educativos interesados en asistir a algunha destas visitas dirixidas polos organizadores do Proxecto Terra terán que pedir cita a través deste formulario. Os colexios que necesiten algunha axuda para o transporte ou teñan calquera dúbida relacionada con estas saídas poden poñerse en contacto coa organización no enderezo electrónico proxectoterra.actividades [at] coag.es (proxectoterra[dot]actividades[at]coag[dot]es).