Novas

A Xunta e Proxecto Terra lanzan o concurso escolar ‘Amosando e protexendo o noso territorio’ e a nova edición de ‘Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio. Coida do teu’

A Xunta e Proxecto Terra lanzan o concurso escolar ‘Amosando e protexendo o noso territorio’ e a nova edición de ‘Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio. Coida do teu’
04 de Outubro de 2025
  • A través da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística impúlsanse estas dúas iniciativas educativas para o curso 2025-2026 co obxectivo de sensibilizar ao alumnado galego sobre a importancia da preservación e protección da paisaxe e do territorio
  • O concurso Amosando e protexendo o noso territorio permite participar ao alumnado de Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e ciclos formativos con debuxo, pintura ou fotografía, e contan cun galardón de 300 euros para cada unha das seis categorías
  • Os centros que desexen participar no proxecto: Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio poden solicitar a súa inscrición ata o próximo 10 de outubro

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), e o Proxecto Terra, de colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), pon en marcha dúas iniciativas educativas para o curso 2025-2026 co obxectivo de sensibilizar ao alumnado galego sobre a importancia da preservación e protección da paisaxe e do territorio.

Por unha banda, vén de convocarse o concurso de debuxo, pintura e fotografía: “Amosando e protexendo o noso territorio”, aberto ao alumnado dos centros que participaron no pasado curso escolar na actividade “Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio. Coida do teu”.

Amosando e protexendo o noso territorio

Este certame, que abrangue seis categorías desde Infantil ata Bacharelato e ciclos formativos, premiará as mellores obras de debuxo, pintura e fotografía cun galardón de 300 euros para cada unha das categorías, máis un ou dous accésits atendendo á valía das obras presentadas. O centro educativo que represente o alumno/a gañador, recibirá unha réplica en gran formato do traballo gañador.

Poderán participar nesta convocatoria os preto de 60 centros do sistema educativo galego que solicitaron participar no actividade “Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do Territorio. Coida do Teu” no curso lectivo 2024-2025.

O COAG remitirá a invitación aos centros escolares o vindeiro 15 de outubro e os traballos poderán presentarse entre o 1 e o 19 de decembro de 2025, estando prevista a entrega de premios en febreiro ou marzo de 2026 en Santiago de Compostela. As obras serán difundidas a través dunha exposición dixital nas webs da APLU e do COAG.

Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio. Coida do teu

Ademais, a APLU e o Proxecto Terra abren unha nova edición da actividade escolar “Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do territorio. Coida do teu”, que combina obradoiros teatrais, sesións de aula e visitas á sede da Axencia en Santiago.

Conscientes de que comprender a complexidade da paisaxe e do contorno resulta fundamental para que as sociedades actual e futura realicen un uso sustentable do territorio, APLU e Proxecto Terra queren contribuír con este proxecto a mellorar o coñecemento sobre os espazos que habitamos e sobre a identidade territorial galega, promovendo dende as idades máis temperás a toma de consciencia sobre a necesaria implicación de todas e todos na construción, protección e posta en valor do noso territorio e da nosa paisaxe.

O programa, que se desenvolverá entre outubro de 2025 e xuño de 2026, ofrece ata 30 actividades adaptadas ás diferentes etapas educativas, desde Infantil ata Bacharelato e ciclos formativos. A convocatoria xa está en marcha e permanecerá aberta ata o 10 de outubro de 2025 para todos os centros educativos interesados.

A través destas propostas do departamento que dirixe María Martínez Allegue búscase que o alumnado galego aprenda a valorar a súa contorna, comprendendo que o territorio é un recurso limitado que debemos coidar e preservar.