Novas

A Xunta impulsa a conciencia sobre o territorio entre o alumnado do CPR Santa Apolonia de Santiago a través dunha xornada na APLU no marco do Proxecto Terra

A Xunta impulsa a conciencia sobre o territorio entre o alumnado do CPR Santa Apolonia de Santiago a través dunha xornada na APLU no marco do Proxecto Terra
25 de Marzo de 2026

A directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Victoria Núñez, recibiu ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato do CPR Santa Apolonia, de Santiago de Compostela, acompañado por dous docentes, no marco dunha xornada formativa para fomentar a conciencia sobre a protección e ordenación do territorio, no marco da actividade do proxecto Terra: Eu son inspect@r urbanístic@. coida do territorio. coida do teu.

Esta actividade, que se organiza no marco do convenio de colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para desenvolver o Proxecto Terra, forma parte dos obxectivos da APLU, ente adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de sensibilizar á mocidade sobre a relevancia da ordenación do territorio e do respecto polo medio ambiente.

Durante a actividade, desenvolvida ao longo da mañá de hoxe, o alumnado e o profesorado deste centro educativo, tiveron  a oportunidade de achegarse á realidade do territorio e da paisaxe galega, así como de coñecer os principais instrumentos urbanísticos que regulan os usos do solo. A comprensión destes aspectos resulta clave para fomentar un uso responsable e sostible do contorno.

A participación do alumnado do CPR Santa Apolonia pon de manifesto o interese dos centros educativos por incorporar a educación ambiental e territorial na formación do estudantado, contribuíndo así á creación dunha cidadanía máis consciente e comprometida.

Con actividades como Eu son inspect@r urbanístic@. coida do territorio. coida do teu, a Xunta reforza o seu compromiso coa educación ambiental e coa promoción dunha relación respectuosa e sostible co territorio.