Novas

A Xunta porá á disposición dos concellos de Boimorto e Boqueixón un novo programa formativo sobre disciplina urbanística para técnicos municipais

La Xunta pondrá a disposición de los ayuntamientos de Boimorto y Boqueixón un nuevo programa formativo sobre disciplina urbanística para técnicos municipales
04 de Xuño de 2022
  • Jacobo Hortas subliña a importancia que ten o papel da APLU para as entidades locais de menos de 5.000 habitantes, onde a delegación de competencias urbanísticas se estende a calquera tipo de obras e usos do solo, aínda que non estean suxeitos a licenza

A Xunta de Galicia porá á disposición dos técnicos municipais de Boimorto e Boqueixón este outono un novo programa de formación específico sobre disciplina urbanística co fin de facilitar o seu acercamento a esta materia e poñelos en contacto á vez cos inspectores e co persoal autonómico que traballa a diario sobre o territorio.

Así llo trasladou esta semana o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), Jacobo Hortas, aos responsables municipais de ambos concellos, cos que mantivo unha reunión de traballo individual para facer un seguimento dos resultados da súa colaboración e tenderlles á man a continuar estreitando lazos.

En concreto, o responsable da APLU achegouse ata Boimorto para reunirse coa alcaldesa, María Jesús Novo, e facer balance da relación que manteñen desde hai xa máis dunha década o seu departamento e o Goberno municipal, que ambos consideraron “moi satisfactoria”. Neste sentido, cómpre lembrar que este concello coruñés foi dos primeiros en adherirse á APLU —concretamente, en marzo do ano 2009— e polo tanto, un dos que máis tempo leva con parte das súas competencias urbanísticas delegadas.

De igual xeito, Jacobo Hortas mantivo outra entrevista co alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, coincidindo precisamente co primeiro ano desde que o concello lle cedeu á Axencia as competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en solo rústico, urbanizable e en núcleos rurais.

En ambos casos, o director da APLU agradeceu aos rexedores a súa cooperación e a dos seus respectivos técnicos municipais para facilitar o labor dos inspectores autonómicos. Neste sentido, subliñou a importancia que ten a Axencia para entidades locais de menos de 5.000 habitantes como Boqueixón, onde a delegación das competencias urbanísticas se estende a calquera tipo de obras e usos do solo, aínda que non estean suxeitos a licenza.