A Xunta supervisa os traballos de demolición dun inmoble ilegal en solo rústico en Lobios e recupera espazo protexido do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés
A directora da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística- APLU, Mª Victoria Núñez, desprazouse hoxe ao Concello Lobios para supervisar o inicio dos traballos de demolición dun inmoble construído de xeito ilegal en solo rústico para recuperar así o espazo protexido do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.
Con esta intervención, adxudicada á empresa Excavaciones J Carreira S.L. por un importe de preto de 45.000 euros, a APLU pon fin a un longo procedemento, despois de completarse todas as actuacións técnicas necesarias e superarse os diferentes trámites administrativos e xudiciais vinculados ao mesmo.
O inicio destes traballos dá cumprimento á resolución pola que se declarou que as obras promovidas no seu día, de construción dun local destinado a mesón-ciber-pub en solo rústico e sen autorización autonómica, non eran legalizables por resultar incompatibles co ordenamento urbanístico vixente.
Segundo consta no expediente, mediante resolución do 5 de novembro de 2009, a APLU acordou a demolición desta construción por conta do promotor da mesma e prohibiu definitivamente os usos aos que dera lugar.
Unha vez firme a resolución en vía administrativa e xudicial, e tras a imposición de cinco multas coercitivas, a APLU dispuxo a execución forzosa mediante execución subsidiaria, a cargo do obrigado ao cumprimento.
A intervención forma parte do labor da Xunta para garantir o cumprimento da normativa urbanística e a protección do territorio, especialmente en ámbitos de especial valor ambiental e paisaxístico.
Con esta demolición, a Administración autonómica avanza na recuperación dun espazo protexido e reafirma o seu compromiso coa preservación dos valores naturais do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.