Novas

Alta demanda para o programa educativo da APLU e o Proxecto Terra co que os escolares aprenderán nas aulas a protexer a paisaxe e o territorio

15 de Outubro de 2019
  • Máis de 70 centros educativos optan á trintena de prazas previstas nesta primeira edición do proxecto que arranca este mesmo mes de outubro e que se estenderá ao longo do presente curso lectivo
  • Nenos e nenas de distintas etapas escolares afondarán na protección do contorno e no uso responsable e sustentable do territorio con xogos, obradoiros teatrais ou traballos en equipo

Un total de 73 centros educativos de toda Galicia solicitaron a súa participación no programa lúdico-educativo impulsado polo Proxecto Terra e a APLU que permitirá a nenos e nenas de todas as etapas educativas aprender a protexer o medio e a paisaxe xogando e a facer un uso responsable e sustentable do territorio. A alta demanda rexistrada nesta primeira edición do programa fai necesaria a apertura dunha lista de espera, xa que nesta fase inicial do proxecto hai previstas 30 prazas para o presente curso académico, se ben a partir do próximo ano prevese a súa ampliación paulatina co obxectivo de ir estendendo o programa ao maior número de centros educativos posible.

Así pois, esta primeira edición do proxecto lúdico-educativo, denominado “Eu son inspect@r urbanístic@. Coida do Territorio. Coida do Teu”, nace coa finalidade de promover entre os máis pequenos o coñecemento do territorio, dos elementos que o compoñen, do contorno próximo e da súa paisaxe, trasladando a nenas e nenos o valor de coidar o territorio, un territorio que é de todas e de todos. Todas as actividades -que comezarán a desenvolverse a partir deste mesmo mes de outubro e prolongaranse ao longo de todo o presente curso lectivo 2019/2020- están adaptadas ás diferentes etapas educativas (infantil, primaria e secundaria) e teñen en conta os temas e materias reflectidas no currículo educativo correspondente.

Deste xeito, a cativada que cursa educación infantil traballará na aula cunha metodoloxía eminentemente lúdica, con obradoiro teatral e actividades manipulativas de traballo en equipo. Pola súa banda, e segundo os distintos niveis escolares, os nenos e nenas de educación primaria e educación secundaria abordarán as distintas temáticas combinando o xogo con reflexións, debates conxuntos, traballo en equipo e unha aproximación ao seu contorno próximo. Así mesmo, o programa contempla actividades fóra dos centros educativos, como unha visita aos servizos centrais da APLU, e tamén outras complementarias, que inclúen un concurso de expresión artística, nas que poderá participar voluntariamente o alumnado dos grupos que teñan participado nas realizadas previamente nos centros educativos.