Galicia e Baleares estreitan lazos para colaborar na protección do territorio e na disciplina urbanística

-
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística organizou un encontro para intercambiar as súas experiencias no tratamento das denuncias, das actuacións na fase informativa e das reposicións da legalidade
-
Os directores das dúas axencias acordaron celebrar unha nova xornada para compartir experiencias co fin de incrementar a concienciación, defensa e valía natural, paisaxística e cultural do territorio
Galicia e as Illas Baleares veñen de estreitar lazos para colaborar na protección do territorio e en materia de disciplina urbanística.
A Xunta organizou un webinario no que participaron máis de 60 técnicos das entidades de custodia do territorio do Goberno galego e do Consello Insular de Mallorca, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e a Agéncia de Defensa del Territori de Mallorca, encabezadas polos seus directores, Jacobo Hortas e Bartomeu Tugores.
O encontro serviu para tratar diversas cuestións, como a organización, o procedemento de inspección urbanística, o tratamento das denuncias anónimas, as actuacións en fase informativa ou a execución forzosa das ordes de demolición mediante a imposición de multas coercitivas, para instar aos propietarios a cumprir coa restauración da legalidade urbanística vulnerada.
O director da APLU destacou que cada vez son máis os concellos galegos que delegan as competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade e hoxe, coa última incorporación de Toén e Valdoviño, son xa 93 as entidades locais que están adheridas.
Bartomeu Tugores resaltou que a axencia galega foi un ente referente e exemplo para crear na illa de Mallorca unha entidade similar, polo que coñecer o seu día a día é de grande achega para mellorar e actualizar o funcionamento da Agéncia de Defensa del Territori, da que forman parte 35 dos 53 municipios.
Outro dos puntos abordados no webinario foron os diferentes medios materiais empregados para a función inspectora, onde destaca o uso de diversas plataformas dixitais para obter fotografías aéreas.
A boa experiencia desta xornada de intercambio animou a ambos representantes das axencias a propoñer a organización dunha nova xornada, en próximas datas, para seguir intercambiando experiencias na concienciación, defensa e valía natural, paisaxística e cultural do territorio.