Novas

A mediación coma mecanismo de execución das sentenzas urbanísticas e a protección dos terceiro adquirentes de boa fe tras a anulación de licenzas, a debate na segunda xornada do V Congreso APLU

29 de Maio de 2019

A execución de sentenzas urbanísticas e a mediación como alternativa, e a anulación de licenzas e demolicións á luz do contido no artigo 108 da Lei reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa (LXCA) son os dous grandes eixes de análise nos que se centrará o bloque temático “Intervención Administrativa” do V Congreso APLU sobre Disciplina Urbanística que terá lugar en Santiago de Compostela os próximos días 10, 11 e 12 de xuño.

Así pois, e durante a segunda xornada do simposio, un panel de expertos abordará a “Execución de sentenzas urbanísticas. A mediación como alternativa”, unha das cuestións que maior debate está a suscitar actualmente dada a dificultade que, en ocasións, supón a execución de sentenzas de orde contencioso-administrativo nos ámbitos urbanístico e medioambiental. A utilización do instrumento da mediación, mediante a homologación dun acordo entre as partes en litixio -co visto e prace do órgano xurisdicional que ditamina- para aplicar o fallo a satisfacción de todos, abre unha nova vía, non exenta de polémica, para a execución efectiva de sentenzas en materia urbanística.

Sobre esta cuestión pronunciaranse nesta mesa de análise tres dos especialistas máis recoñecidos neste ámbito de actuación: Pascual Sala Sánchez, avogado e expresidente do Tribunal Constitucional; Guillermo Ruíz Arnáiz, letrado do Tribunal Supremo; e Juan Antonio Chinchilla Peinado, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade Autónoma de Madrid. Intervencións todas elas que rematarán cun debate-coloquio moderado por Javier García Martínez, socio da firma Garrigues e avogado especialista na materia.

Intimamente vinculada a esta cuestión, atópase a “Anulación de licenzas e demolicións urbanísticas: a propósito do artigo 108 da LXCA”, título do segundo panel de expertos enmarcado no bloque temático “Intervención Administrativa” desta quinta edición do congreso organizado pola APLU.

Neste caso serán as voces autorizadas de Eva Desdentado Daroca, catedrática de Dereito Administrativo da Universidade de Alcalá; César Tolosa Tribiño, maxistrado do Tribunal Supremo, e Francisco Antonio Cholbi Cachá, doutor en Dereito e tesoureiro do Concello de Benidorm (os tres, autores ademais de diversas obras, monografías e artigos de referencia na materia), os que aborden o reto da interpretación do novo artigo 108 da LXCA (no relativo ao réxime de execución de sentenzas que declaran a ilegalidade de construcións e ordenan a súa demolición), que xa deu lugar a pronunciamentos xurídicos e diferentes lecturas doutrinais tanto sobre a súa natureza como sobre o seu alcance. Esta mesa de debate será moderada por Roberto Bustillo Bolado, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo.

A documentación íntegra sobre todos os paneis de expertos e relatores participantes, así como toda a información complementaria desta V edición do congreso anual sobre Disciplina Urbanística organizado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, está dispoñible no enlace https://axenciaurbanistica.xunta.gal/gl/congreso-2019, dende o que se poderá facer efectiva a inscrición ata as 15,00 h do próximo 3 de xuño, data na que remata o prazo de matrícula.