V Congreso APLU

Os próximos días 10, 11 e 12 de xuño terá lugar a quinta edición do Congreso organizado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Este simposio, que se vén desenvolvendo con carácter anual dende o ano 2015, ten como obxectivo o intercambio e divulgación de ideas, coñecemento e experiencias que nos permitan contribuír a avanzar no camiño cara a un verdadeiro desenvolvemento urbanístico sostible.

Baixo o lema “Estado do Urbanismo e Retos para o Futuro”, esta edición estrutúrase en catro áreas temáticas. A primeira céntrase na necesidade de afrontar un novo modelo urbano, abordando o estudo das Axendas Urbanas e conceptos como o de cidade próxima. A continuación, analizarase a interrelación do urbanismo con determinadas políticas públicas. Un terceiro bloque tratará as cuestións máis actuais no eido da intervención administrativa. Nunha sesión final, como xa vén sendo habitual neste Congreso, o debate xirará sobre as perspectivas para o futuro.

Fomentar a participación, o debate e a reflexión marca a nosa folla de rota na celebración destes Congresos. Por iso, ademais de reunir a recoñecidos especialistas na materia urbanística, tanto de ámbito nacional como internacional, potenciamos o espazo para a participación activa de todos os asistentes.

Convidámosvos a participar neste Congreso, pois a vosa contribución é decisiva.

Esperámosvos!