Novas

A mobilidade e a integración das políticas de vivenda e xénero na planificación urbanística, a análise no V Congreso APLU

27 de Maio de 2019

A incorporación das políticas de vivenda á planificación urbanística, a mobilidade como eixe dun desenvolvemento urbano sostible e a integración das políticas de xénero no urbanismo son as tres mesas de análise que integrarán o bloque temático Urbanismo e Políticas Públicas do V Congreso APLU sobre Disciplina Urbanística que, baixo o título “Estado do urbanismo e retos para o futuro”, terá lugar os próximos días 10, 11 e 12 de xuño, como vén sendo habitual anualmente, en Santiago de Compostela.

Así, o panel de expertos que abordará a incorporación das políticas de vivenda á planificación urbanística estará integrado por Julio Tejedor Bielsa, profesor titular de Dereito Administrativo (e acreditado a catedrático) da Universidade de Zaragoza; Judith Gifreu Font, profesora titular de Dereito Administrativo da Universidade Autónoma de Barcelona e directora da Axencia de Vivenda de Cataluña; e Javier Burón Cuadrado, xerente de Vivenda do Concello de Barcelona e do Consorcio da Vivenda da cidade condal. Os tres reflexionarán sobre os distintos enfoques á hora de integrar políticas que faciliten o acceso á vivenda no marco dun desenvolvemento urbanístico sostible, nunha mesa de análise que será moderada polo arquitecto municipal Ignacio Soto González.

Pola súa banda, Julio Pozueta Echávarri, profesor emérito e catedrático de Urbanística e Ordenación do Territorio da Universidade Politécnica de Madrid, e Frederico Moura e Sá, urbanista e profesor da Universidade de Aveiro, analizarán a relevancia de contemplar a mobilidade como un dos factores claves na planificación urbanística e na configuración das cidades, en aras de acadar un desenvolvemento urbanístico sostible. Juan Raposo Arceo, profesor titular de Dereito Civil da Universidade da Coruña, será o encargado de moderar este panel, denominado “A mobilidade como eixe de desenvolvemento urbano sostible”, do que o concepto de mobilidade emerxerá intimamente ligado aos de planificación urbana, ordenación do territorio e sostibilidade medioambiental.

Baixo o interrogante aberto “Deben as políticas de xénero integrarse no urbanismo?”, a última das mesas que compoñen o bloque temático Urbanismo e Políticas Públicas deste V congreso APLU centrarase no debate existente sobre a necesidade ou non de incorporar estas políticas ao planeamento urbano. Dese xeito, dende unha prespectiva académica así como dende o enfoque do ineludible control xudicial do planeamento abordarase a conflictividade xerada por esta cuestión, nunha mesa na que participan Inés Sánchez de Madariaga, arquitecta, profesora de Urbanismo da Universidade Politécnica de Madrid e recoñecida experta internacional en materia de xénero no urbanismo, a arquitectura, a investigación e a innovación e César Tolosa Tribiño, maxistrado do Tribunal Supremo, moderada por Luis Míguez Macho, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela.

A documentación íntegra sobre todos os paneis de expertos e relatores participantes, así como toda a información complementaria desta V edición do congreso anual sobre Disciplina Urbanística organizado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística está dispoñible no enlace https://axenciaurbanistica.xunta.gal/gl/congreso-2019 desta web. Así mesmo, o formulario de inscrición para o simposio continúa aberto no antedito enlace  ata as 15,00 h do próximo 3 de xuño, data na que remata o prazo de matrícula.