O Alto Comisionado para a Axenda 2030 incorpórase ao V Congreso APLU, que abordará os obxectivos de desenvolvemento sostible 2030 no marco dos novos modelos urbanos
O Alto Comisionado para a Axenda 2030 incorpórase ao V Congreso APLU sobre Disciplina Urbanística que terá lugar os próximos días 10, 11 e 12 de xuño en Santiago de Compostela e no que, durante a súa primeira xornada, se abordarán os obxectivos de desenvolvemento sostible 2030 nas axendas urbanas, obxectivos entre os que se inclúe a consecución de modelos urbanísticos sostibles e inclusivos.
Así pois, o Alto Comisionado (creado baixo a dependencia directa da Presidencia do Goberno para asumir a coordinación de actuacións para o cumprimento da Axenda 2030 da Organización das Nacións Unidas) súmase ao simposio a través do seu director xeral, Federico Buyolo García, quen participará neste primeiro panel de expertos da xornada de apertura xunto a Ángela de la Cruz Mera, subdirectora xeral de Políticas Urbanas do Ministerio de Fomento, nunha mesa moderada por María Cruz Ferreira Costa, directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.
A indisoluble relación entre urbanismo e desenvolvemento; a necesaria consecución de modelos urbanos máis sostibles, integrados e inclusivos; a ordenación do territorio fortalecendo as relacións entre as zonas urbanas, periurbanas e rurais; a protección do patrimonio cultural e natural; o acceso á vivenda ou a redución do impacto ambiental negativo das cidades, son algunhas das metas fixadas no obxectivo “Cidades e comunidades sostibles” da Axenda 2030 e cuestións, todas elas, nas que se incide directamente desde a planificación urbanística dos nosos territorios, tal e como quedará posto de manifesto neste primeiro panel do V Congreso APLU.
Xusto a continuación, e tamén dentro do bloque temático denominado “Cara a un novo modelo urbano”, José Fariña Tojo, catedrático emérito de Urbanismo e Ordenación do Territorio da Universidade Politécnica de Madrid, intervirá cun relatorio titulado “A cidade próxima. Utopía ou realidade?”, na que, en liña coa mesa anterior, afondará na conveniencia de camiñar cara a modelos urbanos máis compactos e próximos, fronte ao modelo expansivo de planificación urbanística das últimas décadas, caracterizado por consumos inxentes de solo e enerxía, elevados custes de transporte, aumentos notables da contaminación ou a rotura dos ecosistemas naturais.
Esta primeira xornada da quinta edición do congreso organizado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, arrancará coa conferencia inaugural do presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa Pillado, quen analizará o papel do supremo órgano consultivo da Xunta de Galicia ante o urbanismo.
A documentación íntegra sobre estes e todos os paneis e relatores participantes, así como toda a información complementaria do simposio está dispoñible no enlace https://axenciaurbanistica.xunta.gal/gl/congreso-2019 desta web, desde o que tamén se pode facer efectiva a inscrición no simposio ata as 15,00 h do próximo luns, 3 de xuño, data na que remata o prazo de matrícula.