Novas

As próximas medidas lexislativas para reforzar a seguridade xurídica na planificación urbanística centrarán a reflexión sobre o futuro inmediato no V Congreso APLU

31 de Maio de 2019

As próximas medidas lexislativas encamiñadas a reforzar a seguridade xurídica na planificación urbanística e a ordenación do territorio centrará o debate no bloque temático “Perspectivas para o Futuro” do V Congreso APLU sobre Disciplina Urbanística que terá lugar en Santiago de Compostela os próximas días 10, 11 e 12 de xuño, coa participación dun nutrido e prestixioso grupo de especialistas na materia tanto a nivel nacional como internacional.

A análise das perspectivas futuras en materia de legalidade urbanística vén sendo unha constante nas distintas edicións do congreso anual da Axencia que, nesta ocasión, propón a debate unha das cuestións máis controvertidas neste ámbito de actuación: a crecente nulidade de plans urbanísticos, xa sexa planeamento xeral ou de desenvolvemento. Doutrina, poder xudicial e administracións públicas son conscientes do problema existente, problema ao que todas e todos os especialistas coinciden na necesidade de ofrecer unha resposta que permita reforzar a seguridade xurídica dos distintos instrumentos de planeamento urbanístico.

Se ben a conxuntura da última lexislatura impediu afondar na materia, espérase que nesta que agora comeza se retome o borrador do texto no que se estaba traballando, previsto para abordar unha cuestión que centrará o debate no panel de expertos “Medidas lexislativas para a seguridade xurídica do urbanismo” do V Congreso APLU. Así pois, Ángel Menéndez Rexach, catedrático emérito de Dereito Administrativo da Universidade Autónoma de Madrid (UAM); Francisco Javier Jiménez de Cisneros Cid, catedrático de Dereito Administrativo tamén da UAM; e Luciano Parejo Alfonso, catedrático emérito de Dereito Administrativo da Universidade Carlos III, tres das voces máis autorizadas da doutrina administrativa en materia urbanística, achegarán a súa análise nunha mesa que estará moderada por Jaime Rodríguez-Arana Muñoz, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña.

Posteriormente, e tamén na sesión de tarde da segunda xornada do simposio (o martes, 11 de xuño), Jean-Bernard Auby, profesor emérito de Dereito Público de Sciences Po París, especializado no estudo da cidade e o territorio e un dos especialistas en Dereito Público máis prestixiosos non só en Francia, senón tamén a nivel internacional, será o encargado de pechar o bloque temático sobre as perspectivas futuras deste V Congreso APLU, cun relatorio centrado na planificación urbana no marco do Dereito Público.

A documentación íntegra sobre estes e todos os paneis de expertos e relatores participantes, así como toda a información complementaria desta edición do congreso anual organizado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística está dispoñible no enlace https://axenciaurbanistica.xunta.gal/gl/congreso-2019 desta web, onde o formulario de inscrición tamén continúa aberto ata as 15,00 h do próximo luns, 3 de xuño, data na que remata o prazo de matrícula para todas as persoas interesadas en participar no simposio.