Últimos días de matrícula para o V Congreso APLU sobre Disciplina Urbanística
Este próximo luns, 3 de xuño, remata o prazo de matrícula no V Congreso APLU sobre Disciplina Urbanística que, baixo o título “Estado do urbanismo e retos para o futuro”, terá lugar os días 10, 11 e 12 de xuño en Santiago de Compostela, cidade que un ano máis albergará un simposio xa consolidado como referencia obrigada a nivel nacional no ámbito do urbanismo e a legalidade urbanística e que para esta quinta edición xa suma preto das 300 inscricións.
Así pois, a APLU proporcionará de novo un espazo de reflexión sobre os principais retos e cuestións de actualidade que presenta o noso sistema urbanístico, os seus problemas, conflitos e posibles solucións, reunindo a un nutrido e prestixioso grupo de especialistas dos distintos ámbitos vinculados ao urbanismo para analizar, desde unha perspectiva multidisciplinar, o presente e futuro dos novos modelos urbanos, a súa interrelación coas políticas públicas e a intervención administrativa en materia de disciplina urbanística.
De igual xeito, contribuirá a ofrecer unha visión de conxunto sobre as distintas solucións adoptadas no noso contorno ante os principais retos que presenta a disciplina urbanística; a institución da mediación como fórmula de execución de sentenzas urbanísticas; a incidencia do artigo 108 da Lei de xurisdición contencioso-administrativa e a súa proxección sobre os dereitos adquiridos por terceiros afectados; así como a incorporación de políticas de vivenda e xénero na ordenación urbanística. Sobre todas estas cuestións, voces autorizadas dos ámbitos urbanístico, académico, xudicial e administrativo (ás que este ano se suman por primeira vez tamén relatores internacionais cun importante recoñecemento profesional) achegarán as súas experiencias e coñecementos, tentando entre todos propoñer posibles melloras a adoptar en actuacións futuras de cara á consecución dun urbanismo sostible.
A información completa sobre relatores, programa e talleres, así como toda a documentación complementaria desta V edición do Congreso APLU sobre Disciplina Urbanística está dispoñible no enlace https://axenciaurbanistica.xunta.gal/gl/congreso-2019, incluído o formulario de inscrición, que permanecerá aberto ate as 15,00 h do luns, 3 de xuño.
Amplio especial de Wolters Kluwer sobre urbanismo para todos os asistentes
Nesta edición do simposio cómpre salientar ademais que, en virtude da colaboración establecida coa Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, o grupo Wolters Kluwer (líder global de información, formación e software para profesionais) ofrecerá a todos os asistentes ao congreso un amplo e completo especial de contido legal sobre materia urbanística. Este número especial, editado en coordinación coa APLU, inclúe un importante número de artigos sobre cuestións de máxima actualidade que son abordadas en profundidade polas voces doutrinais máis autorizadas e que integran, no seu conxunto, un repositorio legal de indubidable valor sobre o noso sistema urbanístico.