Novas

A Xunta executa o derribo da edificación sen rematar no Camiño Real, na zona da praia de Lapamán, en Marín

Imaxe Lapaman
24 de Xaneiro de 2025
  • A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) inviste ao redor de 180.000 € nestes traballos
  • As obras comezaron hai días no interior do edificio co desmantelamento de instalacións, illamento, carpinterías e folla interior da fachada manual, para separar os residuos e acaban de iniciarse os traballos de demolición desde o exterior
  • Prevese que os traballos estean finalizados na primeira quincena de marzo
  • A Administración autonómica asumiu a execución subsidiaria da orde de demolición ditada pola APLU tras non tela executado o propietario, tal e como se tiña notificado
     

A  Xunta está a executar as obras de demolición da edificación sen rematar situada no Camiño Real, na contorna da Praia de Lapamán, no Concello de Marín. A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), cuxa directora, Victoria Núñez, supervisou hoxe os traballos, inviste nestas tarefas un orzamento de preto de 180.000 €.

As obras comezaron hai uns días no interior do edificio, co desmantelamento de instalacións, illamento, carpinterías e folla interior da fachada manual, para separar os residuos. E neste momento estase xa a abordar a demolición desde o exterior. A previsión é que os traballos estean rematadas na primeira quincena do mes de marzo.

A Xunta está a levar a cabo ás actuacións necesarias para executar subsidiariamente a orde de demolición ditada pola APLU, tras non ter executado o propietario o derribo, tal e como se tiña notificado. O custo da demolición repercutirase ao propietario.

A Xunta amosa o firme compromiso co seu deber de recuperar o territorio especialmente protexido, como exemplifica esta obra sen rematar erixida sobre a zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, xerando un forte impacto sobre a paisaxe.

Cómpre lembrar que desde a Administración autonómica se impuxeron varias multas coercitivas ao propietario para que executase a demolición,  pero non o fixo.