Talleres

Taller 1: Transparencia e participación pública en urbanismo

En ocasións o noso sistema urbanístico foi tachado de pouco participativo e transparente. O propio lexislador trasladou á normativa esta crítica, esixindo unha participación real e efectiva,  e a doctrina fíxose eco desta demanda analizando como debería canalizarse esa participación.

O obxectivo deste taller é a análise da aplicabilidade das leis de transparencia ao eido urbanístico, así como das actuacións precisas para a implementación desa participación real aos distintos procedementos: a participación na fase de deseño e configuración do territorio a ordenar a través dos plans urbanísticos, os períodos de información pública na súa  tramitación, o acceso aos expedientes administrativos nos procedementos de intervención administrativa, o papel dos denunciantes, a virtualidade  da acción pública e os seus  límites, etc.

Taller 2: Execución de sentenzas e protección do terceiro de boa fe

A execución de sentenzas no ámbito urbanístico segue sendo nos nosos días un problema actual co que se enfrontan a cotío as Administracións e os particulares. Non  resultou nunca doado acadar o equilibrio entre o dereito e deber de executar o xulgado e a protección dos terceiros adquirintes de boa fe. Proba diso foron as distintas modificacións lexislativas levadas a cabo primeiro por lexisladores autonómicos e posteriormente polo lexislador estatal.

A reforma operada pola Lei Orgánica 7/2015, introducindo a previsión contida no artigo 108.3 da Lei da Xurisdición Contencioso-Administrativa deixou sobre a mesa numerosos interrogantes, moitos dos cales aínda non teñen resposta.

 

Taller 3: Propostas para a mellora do ordenamento urbanístico

Escribiuse moito sobre a crise do modelo urbanístico e a necesidade de adoptar medidas para modificar o sistema. O exemplo máis paradigmático diso, dende a perspectiva xurídica, é a proliferación das sentenzas que declaran a nulidade de plans urbanísticos e as perniciosas consecuencias que iso conleva, o que abriu nos últimos anos un amplo debate doutrinal para a busca de solucións a este gravísimo problema.  Agora ben, esa “crise” do sistema urbanístico non é, en absoluto, un problema exclusivamente xurídico. Dende a óptica puramente urbanística, a pregunta fundamental é se os instrumentos dos que dispoñemos –xa sexa planificación urbanística ou territorial- son válidos para conseguir obxectivos por ninguén discutidos, iso é, un desenvolvemento sostible e unha calidade de vida axeitada dos habitantes dun concreto territorio.

Taller 4: Xestión das actuacións de rexeneración e renovación urbana

Un dos principios básicos que ofrece a nova lexislación básica estatal é a aposta pola cidade compacta. Neste contexto, os operadores urbanísticos deben fixarse como reto a recuperación dos baleiros urbanos, a actuación sobre a cidade construída e a reutilización dos recursos xa consumidos (solo, patrimonio edificado, etc.). Todo iso como contribución á consecución do principio que dende hai xa décadas debe marcar a dirección das políticas urbanísticas: o desenvolvemento sostible.

Dar respostas a preguntas tales como a determinación dos criterios para delimitar os ámbitos sobre os que actuar, como enfocar as ditas actuacións e incardinalas nos sistemas de xestión previstos na lexislación urbanística, ou a creación de novos espazos públicos, son algunhas das cuestións que se deben analizar neste taller.