Talleres

Taller 1: Cidade compacta versus cidade difusa. Densidade apropiada

A dicotomía entre os distintos modelos de crecemento urbano e de ocupación do territorio alimentou sempre un intenso debate. Esta controversia incrementouse tras décadas nas que asistimos ao desenvolvemento dun urbanismo claramente expansivo, que se calificou de insostible tanto polo seu elevado consumo de solo, como polos hábitos de mobilidade xerados ou o custe de prestación de servizos. Neste contexto, asistimos a un cambio de paradigma, no que a cidade compacta érguese como un modelo de cidade eficiente.

Taller 2: Actuar sobre a cidade existente. Experiencias prácticas

A coñecida Lei 8/2013, de Rehabilitación, Rexeneración e Renovación Urbanas representa a clara manifestación do lexislador estatal de actuar sobre a cidade xa construída, actuación que, en ocasións, reviste unha complexidade considerable.

A adecuación dos tradicionais instrumentos de planeamento e xestión para dar resposta a esta nova modalidade de intervención xerou certos interrogantes que se poñen de manifesto na práctica. Abordar a casuística destas actuacións e a busca de solucións viables constitúe o obxecto deste taller.

Taller 3: Repensando o planeamento urbanístico. Cal debería ser o seu contido?

Dende os distintos sectores profesionais, foron moitas as voces que se cuestionaron o sistema de planeamento urbanístico actual. Neste sentido, foron frecuentes argumentos tales como, o excesivo tempo necesario para a aprobación dun plan urbanístico, o incremento de plans que son obxecto de pronunciamentos xudiciais que declaran a súa nulidade, ou a rixidez dos documentos de planeamento.

Neste contexto, chégase a falar dun esgotamento do modelo actual ou da crise do planeamento. A cuestión á que pretende dar resposta este taller consiste en determinar cal debe ser o camiño que se debe seguir e que contido debería ser o esixible aos plans urbanísticos.

Taller 4: Aspectos rexistrais do Urbanismo

A relevancia do Rexistro da Propiedade no tráfico xurídico resulta indiscutible. O lexislador estatal coa Lei do Solo de 2007 incidiu especialmente na regulación do acceso dos actos de natureza urbanística ao Rexistro da Propiedade.

As parcelacións urbanísticas, as declaracións de obra nova, a inscrición dos actos de disciplina urbanística, ou as consecuencias rexistrais derivadas da anulación de plans urbanísticos son algunhas das cuestións que pretenden tratarse neste taller.

Taller 5: Control xudicial dos actos administrativos

O enxuizamento dos actos de natureza urbanística ante os tribunais foi unha constante nesta disciplina. Este control reviste especial importancia naqueles aspectos nos que a Administración goza dunha certa discrecionalidade, pero tamén, ante actos regulados, resulta trascendental o control xudicial.

O control da actividade de edificación e uso do solo, o papel da xurisdición contencioso administrativa, a incidencia da nova regulación do recurso de casación ou incluso, o eventual control que se debe efectuar dende a perspectiva constitucional, son aspectos que merecen unha reflexión ante unha intervención crecente da xurisdición contencioso-administrativa no eido urbanístico.

Taller 6: Despoboamento rural: unha visión de conxunto

O despoboamento que afecta a gran parte do noso territorio é un problema que foi incrementando nas últimas décadas chegando a ser frecuente neste debate a expresión da“ España baleira”. A nosa Comunidade Autónoma é ademais un claro exemplo desta despoboación.

Nesta situación influíron múltiples factores que xeran a necesidade de reflexionar sobre cuestións tales como a importancia da agricultura, a fenda tecnolóxica, o acceso ao mercado de traballo ou moitos otros aspectos. As consecuencias que se derivan desta problemática adquiren unha envergadura tal que se fai necesario analizar como frear os importantes desequilibrios territoriais aos que estamos asistindo.